Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Fran Alonso: Cartas de amor

Reivindicación da carta

Cartas de amor
Fran Alonso
Xerais, Vigo, 2006. 128 páxs., 9,40 �

A carta ou epístola, como xénero literario, ten unha longa tradición dende a literatura grecolatina pasando polo Renacemento ou mesmo pola narrativa decimonónica.

Mario Regueira - 16:44 12/02/2007
Tags:

Non obstante, nos últimos tempos caera en certo desuso, pois parecía que a conversa en directo ou o debate en medios como a radio ou a televisión acabaran con este xénero, posto que resultaban máis doado transmitir opinións ou ideas nestes medios. Por outra banda, a carta ou epístola tradicional, que realmente non era unha carta, senón un ensaio baixo a forma de carta a un amigo, pecaba de inverosímil na época do teléfono. Emporiso, o correo electrónico volve darlle á antiga carta ou epístola toda a súa vitalidade. Nesta liña de revitalización da carta ou epístola clásica que trae o correo electrónico, hai que entender estas cartas de Fran Alonso.

Malia publicarse nunha colección de literatura xuvenil, temos que incluír estas cartas de Fran Alonso no xénero da epístola clásica, é dicir, a suposta carta a un hipotético amigo que realmente non é tal carta, senón un ensaíño sobre un tema de actualidade en que o autor expón as súas opinións.

A primeira das cartas do libro ponnos en contacto co tema da inmigración subsahariana a través da morriña e inadaptación que sente unha senegalesa en Galicia. A segunda enfróntanos coas vivencias e sentimentos dunha cooperante occidental secuestrada en Bagdad. A terceira carta é unha mensaxe de correo electrónico en que unha rapaza lle confesa a outra que descubriu que era homosexual e as vivencias que iso lle suscita. A cuarta carta está redactada nun campamento de refuxiados de saharauís por unha rapaza de dezasete anos que regresou a este campamento dende Cuba. Gústanos especialmente desta carta o choque que se produce entre a situación libre da muller en Cuba e a da muller sometida da sociedade musulmá.

A quinta carta volve ao mundo da inmigración, neste caso do inmigrante home machista, que, aínda que sexa explotado como inmigrante, se converte nun explotador machista da súa muller. A carta sexta entra no duro mundo da prostitución infantil e do turismo sexual nas Filipinas. A sétima carta lévanos á longa noite de pedra do franquismo, á covardía da muller viguesa que non quere saber nada do antigo noivo republicano, agora que casou cun franquista ben situado. A oitava fai que batamos coas consecuencias dunha guerra civil de hoxe: a da antiga Iugoslavia.

A novena e derradeira carta do libro presenta a situación de estrañeza-morriña e ata explotación e racismo que sofren os hispanoamericanos establecidos en Galicia, aínda que sexan descendentes de emigrantes galegos a America. Acerto indubidable é situar esta carta como peche do libro, tendo en conta que se dirixe fundamentalmente a un público que sen dúbida ningunha tivo devanceiros emigrantes e que agora moitas veces ve con prevencións os inmigrantes, aínda que estean pasando pola mesma experiencia que pasaron os seus avós ou incluso pais e tíos.

En fin, que o libro que nos ocupa, baixo a aparente envoltura sinxela da carta xuvenil e da publicación nunha colección de literatura destinada aos mozos, ao meu ver, conecta coa tradición do xénero clásico da epístola, entendida como ensaio. Por outra banda, non cae no idealismo fácil de considerar que todo o das culturas diferentes á nosa é bo; tampouco incide no moralismo e didactismo facilóns, que tanto abunda nos libros de literatura infantil-xuvenil. Se algunha tacha lle poño é que abuse do protagonismo feminino, aínda que isto pode vir motivado polo desexo de facer visible a muller na literatura, mais soa a cota artificial.

Trata, por outra banda, temas dos que hai que falar nos centros de Ensino como a inmigración, a condición feminina ou o botellón e por iso a súa lectura resulta moi recomendable neste ámbito, aínda que os lectores adultos tamén poden ler estas cartas con pracer e proveito para eles. Todos seremos unha miguiña máis solidarios despois da súa lectura nestes tempos de xenofobia, machismos e outras explotacións encubertas. Tamén é lectura obrigada para rapaces, e maiores, que andan preto das posturas que sobre inmigración, a revolución cubana, homosexualismo ou o modelo educativo defenden algúns, mesmo profesores, próximos ao conservadorismo máis recalcitrante, que, por desgraza, está a tomar novo pulo en moitas das nosas aulas de institutos e colexios.

mércao en Andel


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: