Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CICLO DE CINEMA EN COMPOSTELA

Os Dereitos Humanos na pantalla

O Teatro Principal compostelán acolle nesta semana do 15 ao 21 de xaneiro un ciclo de cinema co título Dereitos humanos, organizado, por segundo ano consecutivo, pola Concellaría de Cultura. En dúas sesións diarias (unha ás oito e media e outra ás dez e media), poderemos coñecer de primeira man situacións e realidades en que se teñen vulnerado os dereitos humanos: a represión na Arxentina de Videla, a discriminación das mulleres que se prostitúen en Guatemala, a franxa de Gaza, a Ruanda do xenocidio, a explotación de África por parte dos países do Norte ou o drama da condena por un crime que nunca existiu. Cinema para sacudir as olladas e as conciencias...

- 10:08 16/01/2007
Tags:

Poderemos ver de novo O Pesadelo de Darwin, que xa pasou por Cineuropa e por varios ciclos: o exitoso documental de Hubert Sauper trata a alteración do ecosistema de certas multinacionais no centro de África, cando se introduciu a perca no Lago Victoria. Ademais de destruír toda a fauna autóctona, o negocio estabelecido alí, de intercambio de peixe por armamento, sumiu na máis fonda das miserias e na incapacidade da autoxestión á poboación de Tanzania ou Kenia.

Tamén o documental español Estrelas de La Línea, de Chema Rodríguez,que conta como un grupo de mulleres que vivían na extrema pobreza e toptalmente marxinadas nas vías do tren en Guatemala montan un equipo de fútbol, pero son marxinadas por traballaren como prostitutas.

Por América Latina seguimos até chegar á Arxentina de 1976, a un momento clave na ditadura de Videla, cando varios estudantes son secuestrados, torturados e asasinados. Héctor Olivera relata, por medio dun filme de ficción, A noite dos lapis.

No límite entre Israel e Palestina localízanse dous dos filmes: Hanna K., do cineasta Costa Gravas, conta a crise dunha avogada neste territorio. Domicilio Privado, de Saverio Constanzo, conta a situación dunha familia atrapada na súa propia casa polas tropas israelís.

Por último, poderemos achegarnos á Ruanda do xenocidio entre hutus e tutsis da man de Terry George no filme de ficción Hotel Ruanda, no que un home dá acubillo a centos de refuxiados no seu hotel mentres agarda por unha intervención que poña fin ao conflito. E, n'O crimen de Cuenca, Pilar Miró achéganos a unha historia real: a de dúas persoas que se confesaron culpábeis dun crime que nunca existiu despois de padeceren tortura por parte da Garda Civil. Velaquí o programa completo:

Luns 15:

  • 20:30: O pesadelo de Darwin, de Hubert Sauper
  • 22:30: Domicilio privado, de Saverio Costanzo
Martes 16:
  • 20:30: Hanna K., de Costa-Gravas
  • 22:30: Estrelas da Liña, de Chema Rodríguez
Mércores 17:
  • 20:30: A noite dos lapis, de Héctor Olivera
  • 22:30: O pesadelo de Darwin, de Hubert Sauper
Xoves 18:
  • 20:30: Domicilio privado, de Saverio Costanzo
  • 22:30: O crime de Cuenca, de Pilar Miró
Venres 19:
  • 20:30: Hotel Ruanda, de Terry George
  • 22:30: Hanna K., de Costa-Gravas
Sábado 20:
    20:30: Estrelas da Liña, de Chema Rodríguez
  • 22:30: Hotel Ruanda, de Terry George
Domingo 21:
    20:30: O crime de Cuenca, de Pilar Miró
  • 22:30: A noite dos lapis, de Héctor Olivera

As localidades véndense no despacho de billetes do teatro a partir das 18:00, no teléfono 902 434 443, ou na internet: www.caixagalicia.es. O prezo é de 3 € por cada filme, aínda que hai abonos de 14 € para sete filmes.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: