BALANCE DO 2006. ARTES PLÁSTICAS
Para Andrea Costas non cabe dúbida de que foi un ano ben intenso: presentou "Persoal e transferíbel" na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, participou na exposición colectiva Boas Pezas, na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, formou o grupo 3Marías, con quen participou no ciclo de performances no CGAC, e expuxo a súa chaqueta de etiquetas na colectiva Maquila Boutique... En canto a Manuel Olveira, afrontou a dirección do CGAC con entusiasmo e ambición. No ano de Proxecto-Edición, de novidades como ciclos de performances e cinema, de integración das artes plásticas con todo tipo de linguaxes, e da exposición máis ambiciosa do CGAC (Contos dixitais, que estará nel até o 28 de xaneiro). Ademais, contamos con outra perspectiva: a do 50 % de Aduaneiros Sem Fronteiras, o deseñador gráfico Panchez. O seu tanque floral estivo na Urbanitas do MARCO.
Como vivestes o 2006 a nivel persoal, e como o valorades no eido das artes plásticas?
- Andrea: Para min foi un rexurdir, despois dun tempo viaxando por Barcelona ou Londres, estabelecerme en Vigo, e aclararme tanto a nivel persoal como de traballo. Montei Persoal e intransferíbel, unha exposición que me levou moito traballo ao longo de todo o 2005, e logo aínda participei nun monte delas: en Boas pezas, cunha performance, participamos As 3 Marías (ela xunto con Elena Gómez, Patricia Valverde Esteiro e Eva Martínez Vilar) no ciclo de performances ao aire libre do CGAC, co'A boa vida (elas catro envolveron á actriz Rocío González en produtos que a sociedade de consumo nos di que temos que mercar, até cubrila de todo). Participamos tamén en Chámalle X (III xornadas de arte e acción, o pasado mes de novembro, na Facultade de BBAA), creamos o colectivo artístico Aquí, Agora? (xunto coa bailarina Olga Cameselle, o actor Alfredo Rodríguez e o deseñador Gustavo Evia, estiveron en San Simón, no TAL de Vigo ou en Cald-Arte), e estiven en A fraxilidade da mirada en Pontevedra (no Pontearte), volvín expor Formas de Ser, no Auditorio Municipal de Cangas, e outras mostras foron Iconos, no Outono Fotográfico de Ourense, Esperando mil palabras, na Casa Galega da Cultura de Vigo, e Novas Miradas, no Festival Olladas 2006 Coruña... Ademais comecei a traballar dando clases de fotografía na escola de deseño gráfico e interiorismo AulaD de Vigo, colaboro coa galería C5 e comecei o meu doutoramento en Belas Artes, así que teño que centrarme. No eido das artes, foi un ano importante polo cambio na dirección do CGAC e do MARCO, iniciativas como a do ciclo de performances, o pulo que colleu a Facultade de Belas Artes...
- Manuel: Acostumo a ser moi crítico, pero tamén moi positivo: o 2006 no contexto da arte en Galicia foi un ano de traballo moi forte no que principiar liñas de actuación, artellar redes de traballo e colaboracións e lanzar algunhas estruturas de produción e de visibilidade novas. Sementar non deixa rastros evidentes, pero a semente está na terra, e agora cómpre seguir traballando e coidando o froito para que todo agrome ben. Penso que en xeral foi un ano marcado pola construción dunha plataforma de traballo e de entendemento plural e ambiciosa na que nos moveremos en anos vindeiros e na que se verán os froitos.
No plano persoal estou nun momento moi bo: estou a ter unha experiencia de traballo moi dura, moi intensa e, tamén, moi gratificante. Este traballo é duro, pero tamén é un luxo. Por iso teño (e coido que todos deberíamos ter) unha autoesixencia tremenda e unha xenerosidade ambiciosa para corresponder co privilexio que supón este traballo.
- Pánchez: Parece que houbo unha maior posta en valor d@s artistas novos, non só nas artes plasticas, senón tamén en todas as demais artes.
E cales foron os puntos fortes e febles?
- Andrea: Pois tentouse resucitar a AGAV. É moi necesario que os artistas, que adoitamos vivir mirando cadaquén polo seu, uns a espaldas de outros, poidamos ter unha voz común, crear un colectivo estábel. Este é un traballo moi desagradecido no que cadaquén mira para si. Se cadra, compría que a asociación desaparecese e empezase de cero. Outra das eivas é a proxección: os artistas galegos, non sendo que emigren, non aparecen nas feiras europeas, internacionais... Penso que é necesario organizármonos para termos un peso e ser tidos en conta.
- Manuel: Penso que temos unha rede institucional aceptábel, pero con pouca tradición. As présas, a rendibilidade inmediata e o resultado instantáneo son contraproducentes, nefastos e negativos na arte. Os tempos en cultura son moi longos e para ver os resultados necesítanse moitos anos, por iso temos que aprender a sementar, a xerar públicos, a educar espectadores, a facelos partícipes da arte e do seu poder, e a soster os proxectos. Pero a falta de tradición ten un correlato positivo: non estamos lastrados por un pasado inmobilizador, podemos reinventarnos. O que boto en falta son entidades non institucionalizadas ou gubernamentalizadas. Penso que un reto importante é fortalecer a iniciativa privada con vontade pública, a autoxestión, os colectivos e a independencia. A este nivel penso que é moi importante non importar modelos nin estruturas: dispomos dunha serie de creadores que están en condicións de construír estéticas e formas de ver o mundo interesantes a atractivas para todos nós, dentro e fóra de Galiza. E tamén temos unha tradición: ás veces penso que moitos destes artistas novas pensan que están a inventar o mundo sen estudar o que se facía nos anos setenta.
- strong]Pánchez: Carencias... as mesmas de sempre, a pouca fe nos valores autóctonos; puntos fortes... Ben, fortes, fortes... Non vexo moita fortaleza nunha
cultura que desconfía de si mesma.
Detectaches algún cambio nas políticas culturais?
- Andrea: O cambio de goberno fíxose patente na TVG: é completamente diferente a nivel de estética, de contidos, de actitudes... No eido das artes plásticas, nótase un esforzo por achegaren a arte a todos. é un discurso máis directo e máis sinceiro.
- Manuel: Tentando facer un exercicio de distancia para que a proximidade e a miña implicación me permitan ser "obxectivo" direi que, falando como cidadán e axente da arte, detecto unha cota de diálogo e de participación nunca vista nestas terras, unha renovación de estéticas, nomes e liñas de traballo máis acordes coas necesidades actuais, unha liberdade como se nos tivésemos quitado unha faixa e uns aires de dinamismos, ganas de traballar e optimismo esperanzador francamente estimulantes. Quizais isto non sexa todo o que se necesita, pero antes non tiñamos nin isto. E co que temos agora podemos facer moitas e grandes cousas, sobre todo se somos xenerosos e buscamos o beneficio común, se perdemos a impaciencia.
- Pánchez: Si que houbo diferenza: para empezar, houbo unha tentativa de descentralización cultural. Penso que non foi formulada coa importancia e urxencia que requería, mais a tentativa hóuboa. Tamén se deron episodios de atención sobre artistas noveis (de todos os campos), ou dunha xeración até agora case excluída. O que vexo tamén é que no novo status sociopolítico galego parece que houbo unha grande aposta por un progreso e unha innovación até agora soterrada, mais parece que esa dinámica eufórica empeza tender en cadencia, a prol dun status progresista de baixa intensidade , que se acomode "no de sempre" pero deixando presente o verniz do cambio, é dicir, para quitar a humidade, botar unha capa de pintura antimofo... E sabemos que iso non arranxa nada. Galiza segue a ser un país que exporta talento, nas artes e nas
ciencias, e para min é prioritario invertir este proceso.
E cales foron os grandes momentos do 2006?
- Andrea: A exposición Urbanitas, no MARCO de Vigo, e o ciclo de performances do CGAC. Ademais do Proxecto Edición, no que tamén participei.
- Manuel: Eu salientaría Proxecto-Edición porque incide no que levo dicindo: nova estrutura de traballo, amplo horizonte de ambición, énfase na produción e investigación, autoesixencia de calidade, articulación dun sector pequeno pero prometedor cualitativamente, rede de colaboración entre diferentes institución como o CGAC, o MARCO e a Fundación Luis Seoane... Tamén penso que hai que deixar patente a calidade do proxecto de Pablo Fanego para o Auditorio de Galicia en Santiago, A cidade interpretada, que vai deixar unha pegada importante na forma de entender a arte en espazos públicos. É un proxecto singular, como o foi o ano pasado o proxecto O lado da sombra na Fundación Luis Seoane. Por desgracia pasaron desapercibidos e penso que todos debemos facer esforzos por poñer en valor proxectos de calidade e alto nivel discursivo, produtivo e investigador.
Quen non vai pasar desapercibido en absoluto é Alberto Ruiz de Samaniego, un profesor da facultade de belas artes de Pontevedra que vai ser o comisario do pavillón español na Bienal e Venecia. Non só é un merecido nomeamento, senón tamén un recoñecemento ao labor investigador no seo da universidade. E houbo un momento malo cando norreu Bernardo Castelo, porque nos deixou un apaixoado da arte, un activo axente cultural e un bo amigo de todos os artistas.
- Pánchez: Os mellores momentos culturais... Non sabería dicir, seguro que pasaron desapercibidos. Si sabería dicir cales foron os peores.