Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CONTINÚAN OS ENCONTROS DO CLUB

Shlomo Ben Ami: "Ningún problema pode ser solucionado pola vía militar"

No Club Internacional de Prensa continúan os Encontros: despois de 'América, cada vez máis latina', con Eduardo Galeano e Luís Toledo Sande, e da conferencia de Marina sobre Relixión e Sociedade, contamos coa presenza do ex-ministro de Asuntos Exteriores de Israel, e embaixador de Israel en España. A súa achega titúlase Entre o choque e a alianza de civilizacións, e será a tarde deste martes 21, ás oito, na Aula Sociocultural Caixa Galicia. Pero antes, Shlomo Ben Ami mantivo un encontro cos medios de comunicación, na mañá do martes, no Club Internacional de Prensa.

- 17:22 21/11/2006
Tags:

"Entre o choque e a alianza de civilizacións hai un amplo abano de dimensións, e a política é só uha delas. Pero as enfermidades non só emanan de aí, senón que tamén de cousas que non teñen nada que ver: a vertente histórica, relixiosa e civilizacional son básicas para abordar este problema." Así comezou Shlomo Ben Ami a súa intervención a rolda de prensa precedente á conferencia que dará o martes 21 ás oito na Aula Sociocultural Caixa Galicia. O que foi ministro de Exteriores en Israel naceu en Marrocos, en 1943, estudou en Tel Aviv e Oxford, e foi profesor de Historia nesta mesma universidade. Do 87 ao 91, foi embaixador de Israel en España, e no 99 foi ministro de Seguridade Pública. Cando o goberno de Ariel Sharon chegou ao poder no 2001, deixouno. Na actualidade é o vicepresidente do Centro Internacional de Toledo para a Paz.

A plataforma Galiza por Palestina ten convocada unha mobilización, coincidente coa conferencia de Ben Ami, pola liberdade de Palestina. O historiador apoia a liberación, pero salienta que cómpre ir máis alá: "é importantísimo que exista un estado palestino independente, que viva con toda a dignidade e respecto, pero non só: iso non sería a panacea, xa que Occidente ten a obriga de salvar a fenda pola vía máis lóxica." Subliñou que non se pode pretender implantar unha democracia ao estilo occidental: "a democracia nos países islámicos ten que ser islámica, como foi en Alxeria a finais dos 90. Aí trabucouse Bush, pensando que poderían implantar a súa propia. É necesaria a apertura ao diálogo con Hamás, por parte de Israel e dos EUA, levantaren o boicot a Palestina dunha vez.

Malia considerar utópica a idea dun mundo en paz, afirma: "si podemos aspirar á redución de conflitos. Temos que ser humildes e modestos: a boa noticia é que hoxe non hai guerras entre estados, senón que son asimétricas, de Estados contra movementos por motivacións ideolóxicas e relixiosas. Aí o papel das Nacións Unidas é fundamental. A guerra do Iraq foi un erro, porque os EUA desafiaron o consenso da ONU." Non cre que sexa posíbel un goberno universal, mais confía na UE como demostración de que o nacionalismo pode ser unha forza benigna, e non de enfrontamento. "É un organismo que defende unhas ideas correctas, das que os EUA se veñen afastando nos últimos seis anos, nos que se foron arredando da cultura de resolución de conflitos mediante o diálogo. Europa quen que ser quen de presionar aos EUA cunha estratexia común, de recuperar a alianza transatlántica."

Volvendo sobre a invasió do Iraq por parte dos EUA, destaca o papel da ONU: "hoxe un goberno non pode cometer atrocidades sen a atención da comunidade internacional.
Hamás (que gañou as eleccións en Palestina en xaneiro deste ano) ten que aceptar a fin da violencia, a independencia do Estado de Israel, e recoñecer os acordos previos que existen, resultado das negociacións, pero hai un fondo ideolóxico moi forte."
Israel acatou a Resolución 242 de novembro do 67 do Consello de Seguridade da ONU, posterior á Guerra dos Seis Días, pola cal tiña que retirar as tropas dos territorios ocupados (en Exipto, Siria e Xordania) e estabelecer fronteiras seguras e recoñecidas. así, Israel devolveu o territorio que ocupara a Exipto (a península do Sinaí) e quedou cos Altos do Golán sirios e Xerusalén. Houbo de sacar os seus asentamentos na Franxa de Gaza no 2005. Despois, coa Resolución 425 (tamén do Consello de Seguridade), no 78 (cando Ben Ami era ministro), houbo de retirar as tropas do Líbano. Ben Ami lembrou a alarma de Arafat no momento no que foi acatada a resolución: "en certas latitudes, cando cumpres unha resolución da ONU, o teu rival percíbeo como unha debilidade. Aí comezou a Intifada." Mais, citando a Wilde ("a diferenza entre a barbarie e a civilización está nun matiz"), afirmou que non todo é así: se consultamos a prensa palestina, veremos que hai unha cultura democrática enorme, xente que escribe dende o pacifismo, sen inculpar a Israel de todos os males.

Mira con optimismo o cambio de goberno nos EUA: "Cando menos, comezará o diálogo con Siria e con Iraq. A estratexia de Bush fracasou, afastáronse totalmente das posibilidades de resolución. "O problema non se pode solucionar de xeito bilateral: se os EUA queren atender a Iraq, non poden descoidar a Irán. A retórica bélica chega a adquirir unha personalidade propia, pero non hai problemas que se poidan solucionar pola vía militar. Cando antes o entendamos, mellor."

Por último, reflexionou sobre a relixión: "sempre formou parte da política, dende os comezos da Historia. Como dicía Napoleón, "na relixión non vexo o misterio da encarnación; vexo o misterio da estabilidade social", e mesmo Jomeini: "O Islam é política ou non é nada." De feito, o Islam non recoñece a separación Igrexa-Estado. Non teñen o concepto de Estado porque moitos deles foron artificialmente creados, quitando os historicamente conformados, como Exipto, Irán... "O problema aparece cando se busca a a lexitimidade relixiosa para matar. Un rexime autoritario ofrece unha relixión alternativa: a política, só que nese caso, as ideas non emanan de Deus; emanan dun Fürher. A ideoloxía política é esa: a democracia non debe intervir no que é sacrosanto. Abonda con ver a política dos EUA: "In God we trust", un presidente que parece un predicador coa súa parroquia electoral... En Europa xa non se cre nos dogmas."


0/5 (0 votos)