Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A GRAN FESTA DO OUTONO

Castañas e cabazas... o Samaín é noso

Chegan días escuros, outonizos, misteriosos, nos que uns van ao cemiterio a honraren aos seus defuntos, outros gozan da festa das castañas e o viño novo, outros disfrázanse e enzoufan a cara con borralla, e moitos fan calacús que logo albergarán candeas no seu interior. Días e noites de tránsito dunha idade a outra, nos que morre unha estación e comeza a outra: como no San Xoán, no Samaín ábrense as portas do alén e as almas saen de canfurnada. Aquí temos un guieiro para gozarmos desta festa popular e pasalo... de medo.

- 08:39 15/11/2006
Tags:

Tendemos a pensar que iso do Halloween é un invento de Hollywood, e que a celebración dos cabazos-cabezas, os disfraces e as historias de medo son algo totalmente alleo a nós. Pero a verdade é que é unha tradición exportada polas masas de emigrantes irlandeses que no século XIX aportaron nos Estados Unidos. Aquí non é tan raro atoparmos cabazas, calacús ou calabazotes, que se adoitaban poñer nos cruces de camiños (os lugares predilectos da Estadea), celebrar ao noso xeito esta festa das ánimas, ou vestírmonos con farrapos e esborranchar a cara para confundírmonos con elas. Nunha cultura como a nosa, que trata aos seus mortos con tanta familiaridade que mesmo lles deixa sitio no bus para iren a Teixido, non é de estrañar que vaiamos de festa con eles...

As raíces
O Samaín non é outra cousa que un xeito de medir o tempo dos antigos pobos celtas: o seu ano estaba estruturado en idades, como as nosas estacións, con cadanseu punto de inicio e fin:

  • Imbolg: celébrase ao comezo do noso febreiro, cando saen as primeiras flores e cantan os primeiros paxaros (logo foi cristianizado no Día da Candelaria). Conságrase á deusa Imbolc o Brigit, protectora dos animais que sobreviven ao inverno.
  • Beltaine: celébrase o 1 de maio (a véspera é a noite de Walpurgis). Dedícaselle a Belenos, dios do lume: prendíanse fogueiras nos outeiros. Tebn relación co noso San Xoán, como benvida ao Sol.
  • Lughnasa (ou Lugnasad ou Lamas): celebrábase a mediados de xuño, dedicado a Lug en Irlanda, Lugus nas Galias e Lleu en Escocia. Era unha divindade relacionada coa luz nos tres casos. É unha acción de grazas pola fertilidade do agro.
  • E, por fin, Samaín: comeza o inverno e un novo ano. É a festa máis importante, e o remate do verán (do gaélico "sam", verán, e "fuin", final). O ano celta diviíase en dúas idades: a escura, ou inverno, Samonios (Samaín-Beltaine) e a da luz, Giamonios.
Logo foi cristianizada coma homenaxe ao mundo dos mortos, mais a festividade inicial non se refire a outra cousa máis ca á morte do verán e comezo da época na que cómpre recollerse, ficar na casa ao pé do lar: a porta do Sidh, ou do Alén, fica aberta nesa noite para que os mortos se poidan comunicar cos vivos. Hai unha serie de rituais comúns aos pobos indoeuropeos, que logo foron absorvidos polo cristianismo. Elimínanse os cultos esotéricos e óptase por rituais de reverencia e respecto á morte (visitas aos camposantos), pero hai unha cultura que subxace...

Magostos:
Unha celebración bastante particular que ten raíces co Samaín é o noso magosto: do latín "magnus ustus", (magnus= grande / ustus= participio pasado do verbo "uro", queimar), é unha festa da comunidade a carón do lume para honrar aos defuntos, dar a a benvida ao inverno, e gozar dos últimos froitos da terra: as castañas, o viño novo e os chourizos (prodúcense nos días da mata do porco, a mediados de novembro). Tamén en Asturies fan o maguestu, en Portugal o magusto, en Cataluña, a castanyada, e en certas zonas de Francia. A xente xúntase no monte, busca pica, fentos secos, piñas ou palla para prender o lume, pon a foupa no chan -agulla de piñeiro, toxo o loureiro- e enriba dispón as castañas, que serán cubertas por un novo manto de foupa. Cando está preparado, préndese o lume na capa de abaixo, que será a que sinale o ritmo da celebración, e en canto se apaguen as lapas indicará que as castañas están listas para comer. Con viño -nalgúns sitios adozado con mel-, chourizos e pan complétase este gorentoso e clórico menú, e a sobremesa póñena os xogos, os contos de ánimas e monstros e a latricada. Di o refrán: "Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto". Importante! Cómpre picar as castañas para que non rebenten no lume, xa que cada unha que estoure será un alma que saia do purgatorio e nos veña facer visitas. Disque despois da festa as almas veñen quentarse nas brasas, polo que hai que lles deixar unhas poucas castañas para a parroquia dos mortos. Xa dicimos que na cultura galega somos ben simpáticos cos defuntos...

É común emborrallarse a cara cos restos da cacharela e saltala para que dea boa sorte. Tradicionalmente esta festa, na que aparecía tamén o compoñente purificador do lume, facíase para honrar as colleitas. En tempos pasados o banquete remataba con lendas e contos fantásticos relatados polos maiores, e os cativos tisnábanse uns a outros a face coa borralla do lume. Murguía consideraba a festa do magosto coma un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a vida. Hoxe en día fanse na eira da casa, nas adegas, nas lareiras das cociñas, pero segue a tradición de facelas no monte ou nun escampado no que o lume non poida facer mal.

Outras tradicións...
Volvendo ao Samaín: logo dos celtas chegaron os francos a unha Gallaecia pouco romanizada, onde non foi difícil inculcar a xermanización, e posteriormente, a cristianización. Coa nova idiosincrasia sueva, é doado aceptar a festa católica de Todos os Santos como continuación do Samaín: no 1582 cámbiase o calendario iuliano, xa que o Papa Gregório XIII decidiu que o día seguinte ao 4 de Outubro fose día 15 (cousas de Papas), co cal eliminou dez días, e o 1 de novembro pasou a se converter no 11 no novo calendario gregoriano. Continúa en Galiza co nome de magosto, en Asturias, o de maguestu, e na Inglaterra "All ow een" , "all hallow even" (víspera de todo o sagrado) en inglés antigo. Dase unha conexión telúrica entre o remate celta do verán, a festa dos defuntos e a mata do porco... Nos países anglosaxóns onde calla antes a Contrarreforma múdanse as datas, en Galiza mantense o 11 de Novembro gregoriano, o que era o 1 no iuliano, mantendo a tradición da Santa Compaña, procesión de mortos, cabazos que recrean cráneos e castañas que representan almas. Esta festa tamén é cristianizada, dedicándoa ao Bispo bracarense Sam Martiño de Dúmio. É a data na que morren os porcos, non sabemos se houbo algunha asociación de ideas... Aí queda consolidada unha das nosas festas fundamentais. Xa dicía Reixa: "San Martiño oficial, de Monforte ao Nepal." Hai certos símbolos que permanecen, mantendo ritos pagáns previos:

Cabazos, cabezas...



O ritual celta do Samaín servía para escorrentar almas indesexábeis. Unha das técnicas era expoñer caveiras das cabezas cortadas dos inimigos para liberar a alma dos mesmos: a caveira sempre se considerou sede da alma. Abonda con lembrarse da lenda dos rapaces que atoparon unha no seu camiño a Santo Andrés de Teixido, e, xogando, levárona canda eles a patadas. Ao chegaren, a caveira agradeceulles moito que a tiveran transportado, pois se non fose deste xeito, a alma que levaba dentro nunca tería feito a romaxe (xa se sabe que a Santo Andrés vai de morto quen non vai de vivo). Tamén se facía para asustar outras almas que quixeran achegarse. A tradición celta inicial era emborrallar as fachadas das casas e "decoralas" con ósos e caveiras, para evitar visitas fúnebres.

Co paso do tempo, aquilo de poñer cabezas de xente nas portas foise suavizando un pouco, e foron substituídas, na Idade Media, por caveiras de animais, e logo por representacións en pedra (as gárgolas que hoxe coñecemos). E por fin, na versión menos "gore" do rito, comezáronse a empregar cabazos, tradición aínda vixente na Costa da Morte, nas Mariñas e nas Rías Baixas, con especial incidencia en Cedeira, Cangas e Muxía (unha das portas do Alén) e levada alén do Atlántico (o Halloween norteamericano). Foi o mestre Rafael López Loureiro, de Cedeira, quen observou que esta tradición existía até hai unhas décadas, e tamén pervive no norte de Cáceres, arredor da zona na que están situadas as aldeas de fala galega, e aínda en zonas de Zamora e mesmo en Madrid. En Quiroga, onde a cabaza tallada sécase e consérvase para empregala como máscara no Entroido; en Cedeira fan unha "procesión de ánimas", na que os rapaces da vila desfilan polas rúas disfrazados e portando luces coma se fosen a Santa Compaña, e na zona ártabra (a de maior pegada céltica) hai bastante tradición de celebralo: Ferrol, Narón, as caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira... Tamén atopamos calacús polas Rías Baixas ou colondros en Ourense.

Ritos e falcatruadas: en Cedeira prenden fachos e marchar con eles en procesión para facer unha grande fogueira. A Asociación Chirlateira foi a que conseguiu, hai oito anos, recuperar as tradicións do Samaín na zona. No Concello da Illa de Arousa os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cunha algarada tradicional: "unha limosniña polos defuntiños que van alá". Reciben cartos, laranxas, lápises, boliños de pan e lambetadas. O costume que asociamos coas pelis americanas do "trato ou truco", no que os nenos van pedindo lambonadas, faise aquí dende hai ben tempo, como cando se van cantar os Reis e pedir o aguinaldo. Hai quen as arma coa excusa da nocturnidade e o caos: esa noite de tránsito, que non pertence nin a un ano nin ao outro, é a propia para facer falcatruadas, como no San Xoán en Poio, no que os rapaces da vila gastan bromas pesadas. Non lonxe, en Xil, una parroquia do Concello de Meaño, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal.

Meigallos: do mesmo xeito que as cabazas-caveiras e os ósos escorrentaban ás almas en pena, o feito de disfrazarse de bruxa, ánima ou morto "despístaas", e non veñen pola persoa que estea disfrazada de tal xeito que se confunda con elas. É unha tradición que coñecemos tamén da industria cinematográfica e televisiva estadounidense, pero convén sabermos que os nosos ancestros xa o facían: o feito de emborrallar cara ou vestirse con farrapos era un xeito de "pasar inadvertido" ás forzas do mal. Seguimos a levarnos ben cos nosos mortos, na vez de terlles medo, como tamén pasa en México e Filipinas: xa aztecas, maias, purepechas, nahuas e totonacas gardaban os cráneos dos ancestros coma trofeos e os exhibían hai 3000 anos. Logo, estes costumes sincretizáronse co cristianismo dos colonizadores. No noveno mes do calendario solar azteca había un festival adicado á divindade Mictecacihuatl, Dama da Morte. Estarrecidos polo culto á morte, os conquistadores trasladaron a data a comezos de novembro. Pero perdura, coma nos nosos cabazos, o símbolo da caveira: en México fanas con azucre, e levan na fronte o nome do defunto... e mesmo dalgúns vivos, a xeito de broma macabra. Fanse litografías chamadas "calaveritas" nas que se bromea sobre unha persoa concreta e o xeito en que a morte virá por ela. E tamén se visitan os camposantos con coroas florais coma ofrenda, aínda que os mortos mexicanos son máis lambóns ca os nosos, pois tamén reciben pratos de comida, pan, tequila, pulque ou atole, e xoguetes para as almas dos nenos. Igual que aquí, se queremos que un dos nosos defuntos vaia a Santo André e quede tranquilo, para non ter que se converter en becho, debemos gardarlle un sitio no bus ou no coche, pagarlle o prato, e, en resumo, portarnos ben con el.

Información para meigas e meigos: nos ritos Wicca, esta noite tan propicia para os feitizos é a propia para consultar as bólas de cristal, porse diante dun espello e pedir desexos. Seica axudan bastante como "atrezzo" os incensos de mazá, xirasol, menta, noz moscada e salvia, as candeas, a cor negra, símbolo da morte, e a laranxa, do lume e do outono, e pedras negras: acibeche, obsidiana e ónice. Non poden faltar herbas como xesta, follas de carballo e maceira, beladona, fentos, salvia...

Xa sabemos: a furar cabazos (que despois xa utilizaremos a polpa en chulas, caldos, e receitas varias), meterlles candeas dentro, esborranchar as caras, vestirse e prepararse para unha noite máxica.


4,11/5 (9 votos)