"Chats vixiados, blogs eliminados, sitios web bloqueados, motores de busca restrinxidos, persoas no cárcere simplemente por publicar e compartir información". Amnistía Internacional armou un espazo en rede co que quere axudar a loitar contra a censura e os ataques diversos á liberdade de expresión en internet. Ademais de lembrar a represión practicada por gobernos coma os de China, Irán ou Vietnam, piden a participación activa dos cidadáns, enviándolle mensaxes ás grandes empresas que colaboran cos excesos, asinado o manifesto en favor da liberdade en internet e reproducindo nas webs personais anacos de material censurado. "Cantos máis sexamos, máis capacidade teremos de acabar coa censura".
"China ten unha activa rede de informadores fóra do país que regularmente lle informan ao servizo de espionaxe da actividade dos disidentes". É un exemplo de texto imposíbel de ler en China, que pode atoparse no espazo do Free China Movement, que loita pola democratización daquel país, e que a web Irrepressible, de Amnistía Internacional, recolle entre os exemplos para que os internautas incorporen ás súas propias páxinas personais. A lista inclúe moitas outras webs: a de Human Rights in China; o colectivo persa de loita a prol dos dereitos das mulleres, Women in Iran; a web da asociación iraní de lesbianas, gais e bisexuais, PGLO; o foro de promoción dos dereitos humanos en Usbequistán, Open Society Institute... e moitos outros.
Amnistía Internacional aproveita ademais para presentar un novo informe sobre a represesión en internet, afondando no caso chinés, onde o colectivo considera que as prácticas represivas no ámbito tecnolóxico se perfeccionaron máis nos últimos tempos, e onde a asociación apunta directamente ao papel xogado polos grandes xigantes da informática: Microsoft, Google e Yahoo, ás que acusa de amosárense "especialmente dispostas a cooperar co goberno chinés". "Internet pode ser unha extraordinaria ferramenta para a promoción dos dereitos humanos e os activistas poden relatarlle ao mundo os abusos cometidos no seu país con só mover o rato e axudarlle á xente a acceder nun grao sen precedentes a información da máis ampla variedade de fontes", destacan edsde Amnistía.