Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EX AEQUO CON LA VOZ DE GALICIA

Vieiros faise co Premio de Xornalismo Científico Galiza Innovación

Vieiros vén de recibir o IV Premio de Xornalismo Científico Galiza Innovación pola reportaxe sobre a evolución do software libre. O xurado do concurso subliñou a "visión rigorosa e exhaustiva" que o xornalista de Vieiros Roberto Noguerol ofrece dun tema "sobre o que existen numerosas fontes de información". Noguerol compartirá o premio de xeito ex aequo con Raúl Romar de La Voz de Galicia pola súa reportaxe sobre a nanotecnoloxía.

- 15:57 14/06/2006
Tags:

Libre e aberto: software para outro mundo posíbel publicouse en febreiro deste ano na sección No escáner deste portal. Na reportaxe, o noso redactor fala da nova ética tecnolóxica baseada na necesidade de compartir como o camiño para acadar un maior desenvolvemento social. O traballo inclúe unha serie de definicións da evolución do software libre así como un artigo sobre patentes e como a "teima" de impulsar unha directiva europea sobre patentes de software limitaría a libre innovación, privilexiando os intereses dos xigantes da informática mundial.

Noguerol entrevistou para a súa reportaxe a unha serie de especialistas no tema acadando valiosísimas conclusións: Roberto Brenlla, presidente de AGNIX, defende a necesidade de levar adiante "unha política decidida a carón do software libre"; Denís Fernández, vicepresidente do Grupo de Usuarios de GNU/Linux Galicia, asegura que "o software libre xera emprego, riqueza e coñecemento locais, que enriquecen o país"; Emilio Padrón, presidente da Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, afirma que o desenvolvemento deste software "é a mellor forma de poder medrar por nós mesmos"; Carlos Rodríguez, do colectivo de programadores e usuarios de Linux de Pontevedra, que subliña a necesidade de priorizar a formación e a divulgación neste ámbito e o informático Álvaro Gómez, que define a filosofía do software libre como "sinxela, xa que dá o mesmo que ti recibes".

O traballo remata cun artigo sobre Glest, un videoxogo en 3D que pode descargarse de balde en Internet e que ideou o informático galego Martiño Figueroa.

Roberto Noguerol compartirá o seu premio e os 7.300 euros co que estaba dotado con Rául Romar quen abordou o desenvolvemento da nanotecnoloxía en Galiza na reportaxe de La Voz de Galicia "Varios grupos sitúan a Galiza na elite mundial en nanotecnolocía".


Ligazóns

0/5 (0 votos)