Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ANÁLISE DO PERFIL BITACOREIRO NO BLOGOMILLO

Os nosos blogueiros escriben en galego, son novos e teñen banda larga

Preto de douscentos diarios dixitais foron mostra para a análise que o Observatorio da Cibersociedade realizou sobre o milleiral electrónico galego. En terra de fenda dixital, sorprende que o blogueiro medio, nun 80% dos casos, dispón dunha conexión de banda larga. Á beira, destaca a experiencia no blogmillo: máis do 60% levan máis de cinco anos publicando artigos nos seus diarios electrónicos persoais.

- 13:10 23/05/2006
Tags:

Especialmente mozos, só un 25.4% teñen máis de trinta anos, e con preferencia polo galego á hora de escribiren, máis dun 85%, aínda cando combinen ás veces o uso de galego e español, inclúen as tres cuartas partes dos seus artigos en lingua galega.

"Os blogueiros son usuarios con moita experiencia na rede", apunta o estudo, recollendo que apenas un 3.4% dos blogueiros leva menos dun ano na rede. E se ben á hora da navegación temática da bloguesfera interésalles ben pouco ler artigos sobre asunto tecnolóxico, blogueiro e amigo dos cachifallos tecnolóxicos é unha relación ben evidente segundo esta investigación. Máis do 50% posúen cando menos catro trebellos: a maioría teléfono móbil, cámara de fotografía dixital, reproductor MP3 e computador portátil.

Xa que logo, prefiren ler bitácoras onde os usuarios falan de temas persoais, así o fai un 70% do total, fotologs e blogs de tema xornalístico coinciden nun 32% das preferencias lectoras. Á hora de remexer en blog alleo, un 11.4% afirma ler máis de 20 bitácoras escritas en lingua galega diariamente e un 22% pasa tamén dos 20 blogs se contamos os que estean escritos en español ou inglés. En canto á frecuencia de lectura, o 46% le blogs todos os días e mesmo un 15% recoñece que os le en diversos momentos do día. Un 35.7% fai a súa visita ao blogomundo con periodicidade semanal. Ao tempo, un 28% dos blogueiros organizan a súa lectura a través dunha ferramenta lectora de Feeds.

Lectura e escritura realízanse en máis do 80% dos casos desde a casa, se ben á hora de escribir hai máis que recoñecen facelo desde outros lugares, caso do traballo ou centro de estudos. Sorprende tamén a alta porcentaxe, preto dun 40%, que afirman participar en máis dunha bitácora. Unha afirmación destaca sobre todas as demais á hora de explicar o salto ao blog: "Poder expresarme libremente". Por tras aparecen tamén de xeito significativo: "un xeito de creación literaria" e "compartir coñecemento".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: