Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALICIA-HOXE

Caetano Díaz: "Parece que o galego non é útil para a vida do país"

Comezou sendo O Correo Galego e agora chámase Galicia-Hoxe, conta xa tres anos con esta cabeceira pero a traxectoria é ben máis longa se lembramos a anterior. Caetano Díaz é o director con menos pudor á hora de falar de subvencións e da distribución dos xornais nas escolas, "nós o que defendemos é o contrato co galego, un acordo institucional transparente", asegura.

- 12:01 16/05/2006
Tags:

Como é que hai tan poucos medios de comunicación en galego?
Supoño que se debe a unha mestura de circunstancias. Primeiro non acaban de ser empresas rendíbeis, porque parece que o galego non é útil para a vida do país. A nosa experiencia leva a que unha alta porcentaxe de sectores sociais manteñen aínda muros sen moitas portas que lles permitan pasar ao outro lado, ao emprego e á lectura do galego. Paréceme que era Zapatero quen lle dicía a Quintana que o galego era un pobo simpático, traballador... pero que éramos "pouquiños", o que é unha dificultade engadida na busca da rendibilidade.

Pode haber un medio en galego que funcione sen subvencións?
É posíbel, pero tendo claro que se van perder cartos. Nos medios privados a ausencia de axudas sempre os converte en deficitarios; a empresa privada 'móllase' e discrimínase que o faga. A nosa experiencia é que este é un camiño moi complicado e as axudas son poucas.

Entón, cal cre que debería ser a política de subvencións?
Hai tempo que defendemos o contrato co galego, un acordo institucional transparente, cos medios en galego. Pero non se trata só de axudas económicas senón tamén para a busca de nichos, de instrumentos para que o noso medio penetre na sociedade. E neste sentido cremos que a educación é fundamental.

Cal é o futuro dos medios en galego e da AME?
A Asociación é unha iniciativa moi complicada, crear un plataforma de medios en galego leva certas rémoras e tamén é un proceso cansino pola pouca disposición que hai, incluso dende os medios públicos. O noso paso é lento pero a vocación é de converternos nunha plataforma estábel que normalice o idioma nos medios. Temos, até agora, un 90% de voluntarios e un 10% de axuda, pero agardamos que se produza o equilibrio. Sabemos que é necesario moito esforzo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: