Fernando Castro Santos (Pontevedra, 1952) conseguiu máis ascensos seguidos ca ninguén no fútbol español. En seis tempadas levou ao Compos da Terceira á Primeira. Despois adestrou en Vigo, Braga, Sevilla, Tenerife, El Ejido, Córdoba e Almería. Tras 21 anos traballando sen interrupción, agora descansa. "Hai unha competencia tremenda, e eu tamén pretendo elixir un pouquiño". A selección galega? Adestrala -di- "é algo que lle gustaría a calquera técnico de Galiza".
VIEIROS: Que lle parece o da selección galega de fútbol?
FERNANDO CASTRO SANTOS : A idea é boa, pero o que me gustaría é que fose unha idea apontoada, máis que para xogar un partido destes de Nadal. Que fose algo máis serio. Véxoo até agora como algo un pouco collido con alfinetes.
Non era sen tempo, non?
Sen tempo non era, claro que non. Penso que é importante para o rexurdir do fútbol galego, por iso me gustaría que fose un proxecto o máis ambicioso posíbel dentro do que puidese ser en Galiza. Non coñezo todo o que pensa Domínguez Olveira, que é o brazo executor deste proxecto, pero teño a impresión de que todo está un pouquiño verde. Aínda non sabemos a convocatoria nin o que vai pasar... Anque igual está máis acabado do que parece.
Cre que o potencial do fútbol galego está suficientemente representado no fútbol español?
Home, temos algúns referentes, pero é certo que non tantos como outras comunidades, no que atinxe ao fútbol de Primeira División... Todos temos un pouco de culpa, tanto os adestradores coma os directivos e os futbolistas. Habería que repartir culpabilidades entre todos. Imos ver se realmente, con esta nova idea que está a prender nos equipos galegos, con xogadores como Oubiña ou Jónatan, que están demostrando cousas en Primeira, a ver se esta idea fai pensar... Temos que crear as condicións necesarias para que estes futbolistas poidan saír. Sigue habendo un clarísimo défice de infraestruturas para que os xoves poidan defenderse. E canto mellores mestres e instalacións teñan, máis doado será que cheguen a algo.
Tras case unha década sen facelo, parece que Celta e Deportivo volven apostar pola canteira...
É evidente que hai un receso económico nos clubes e hai que mirar outro camiño. Pero se os xogadores responden ás expectativas creadas agora mesmo, como efectivamente está pasando, o camiño dos demais será máis fácil.
É competitiva a selección galega?
Si, temos xogadores. Creo que teremos unha selección suficientemente competitiva para loitar con outras seleccións autonómicas e tamén seleccións doutros países.
Podemos falar do 'compromiso con Galiza' dos seleccionábeis galegos?
Penso que iso non é cousa dun día. O compromiso con Galiza chega a partir doutros valores e sentimentos, non por xogar un partido de fútbol. Pero por algo se empeza, e o da selección é xa un camiño andado. Vai ser un partido televisado, todo o mundo quererá xogar ese primeiro partido... todo iso axuda.
Considérase un técnico aproveitado polo fútbol galego e español?
Non me queixo da miña traxectoria. Non sabería dicirche se estou aproveitado, pero síntome tan capaz como calquera para superar probas en Galiza e noutros sitios.
Gustaríalle ser o adestrador da selección galega de fútbol?
Iso é algo que lle gustaría a calquera técnico galego, igual que a calquera técnico español lle gustaría dirixir a España. Pero tamén considero que, agora mesmo, Galiza está moi ben representada con Arsenio e Vázquez.