O conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, estase convertendo no máis firme valedor das teses que desde a dirección do PP reclámanlle a Fraga que non ceda ante as ameazas de escisión de Baltar. En alusión á crise do PP e sen concretar nomes, López Veiga asegurou que "os que non tivemos ningún proceso de enriquecemento paralelo á nosa vida política non temos ningún problema, mentres ca outros experimentaron un notábel incremento no patrimonio".
Tras unha visita á localidade coruñesa de Lorbé, o conselleiro insistiu en que o presidente da Xunta está arroupado por unha "esmagadora maioría" no partido. En referencia aos rebeldes ourensáns, López Veiga explicou que cando alguén se presenta a unhas eleccións baixo unha siglas e cun presidente "hai que cumprir ese compromiso co presidente". Para o conselleiro, Fraga conta co apoio de 35 ou 40 deputados: "o resto non é democracia, o resto chámase doutra maneira".
Por outra parte, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que "hai puntos de vista distintos, pero moito camiño andado". Lembrou tamén que Fraga dixo que non faría declaracións sobre a crise do PPdeG ata despois do "Congreso Nacional do PP" desta fin de semana. "Creo que hai que respectar polo tanto a decisión do presdidente fundador do Partido Popular en relación cun asunto do partido, que non de goberno", engadiu.