Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

ARCO 2003. A proposta caladiña

Esta edición de Arco 03 foi etiquetada desde a versión oficial -acompañada por diferentes medios- como a mellor dos últimos anos. Eu non penso entrar en cuestións de cantidade nin calidade, pero considero que foi a máis silenciosa e aburrida das últimas celebradas. Un artigo de José Manuel Lens.

- 10:47 18/03/2003
Tags:

Isto non quita que non fose, como veremos, unha feira moi interesante que eu visito en cada edición, cousa que invito a facer, o mesmo que invito a ir a outras. Ante esta carencia de lucidez, faltou o debate e a confrontación, e os visitantes só falaban dos novos chill-out (espacios de descanso). O que interesou foi o éxito de público e o nivel de vendas alcanzado que, se ben resulta constructivo ó considerarse un proxecto de feira de arte contemporánea, resulta unha pauta de análise moi fráxil, que tamén se aplica no caso dos centros ou museos de arte. Atopamos, insisto, cousas moi atractivas, sempre desde un punto de vista fragmentario, destiladas por entre as 276 galerías, nas actividades paralelas (mesas redondas), na presencia de Suíza como país invitado, no alento institucional e, no límite, nas sección “Art Unknown” e “Futuribles”. Á marxe, a presencia galega estivo representada, diría que tamén de xeito silencioso, por cinco galerías e poucas entidades públicas e privadas.

Queremos parecer moi guapos e quedamos en mediocres. Arco é unha feira de arte, posiblemente unha das máis destacadas das celebradas en Europa que, debemos recoñecelo, mellorou de xeito notable nos últimos anos. Lonxe quedan aquelas fráxiles edicións no Retiro, aínda que un pouquiño daqueles anos, do seu espírito fresco e provisional, debería de seguir no presente. A feira ten unha excesiva dependencia institucional e, por esta e por outras razóns, quédalle moito para chegar a ser unha feira excepcional como é Art Basel. Algo que se conseguiría cunha maior depuración de contidos de calidade dentro das galerías nacionais e unha maior selección nas estranxeiras. A organización debería fixarse nos diversos stands, que a súa aposta ou montaxe sexa un premio ou un correctivo. Considero que debería desprenderse dunha serie de áncoras que mellorarían a calidade da feira. Ideas que se veñen repetindo en cada edición e que eu comparto, subliñadas nos bolis de Rosa Olivares en EXIT Express, Bárbara Rose no suplemento ABC Blanco y Negro ou Eduardo Arroyo, Catalina Serra e Victoria Combalía en El País.

Outro ano, a mesma feira

Ifema ofrece unha estructuración de enormes pavillóns organizados ó redor dunha grande avenida central porticada, flanqueada por restaurantes e espacios de ocio, petadas de xente nova tirada polo chan co bocata, un plano da feira ou unha das múltiples publicacións que agasallan, como El Correo de Arco ou Exit Express. Arco desvélase no final deste boulevard, nos pavillóns sete e nove. Moitos controis, nesta edición un pouco máis severos, e xa estamos dentro. Os dous pavillóns presentan unha planta similar, distribuídos en grandes avenidas que desembocan nun fondo onde atopamos a presencia helvética e os proxectos máis audaces, para facelos máis dixeribles, fronte ó bar.

Pensemos, por iso, no máis interesante, por atractivo e emocionado, sempre desde unha ollada singular: as seccións “Project Rooms” e “Cutting Edge” que mudaron nos novos “Art Unknwon” e “Futuribles”, certamente pouco acertados. Iniciativas que proseguen cun ton discreto, atractivo e, así e todo, anunciadas dentro do máis destacable da feira. Propostas que, sen embargo, dialogan ou se fusionan pouco co programa galerístico-museográfico do resto dos pavillóns, organizados ó xeito de caixas pechadas onde puidemos ver as videoinstalacións de Joan Morey, Santiago Sierra (que será a representación española na próxima Bienal de Venecia), Jorge Rivera ou Alicia Framis (unha das artistas con mellores críticas desta edición).

Os pasos dilátanse e cambia o ritmo, as galerías esixen unha pausa museística, mercantil, de supermercado; distribucións agora acumulativas, concéntricas, agora expansivas, limpas ou minimalistas, porque non debemos esquecer que estamos nunha feira onde importa vender, e canto máis mellor. Dentro da programación das galerías presentes, clasificadas entre máis ou menos clásicas (non digamos arriscadas, que iso por aquí non se estila): a pintura volveu ás primeiras filas do clasificación —en situacións de crise resulta unha aposta segura—; foi escasa a presencia de escultura, que normalmente se ofrecía illada, en moitos casos relegada a espacios decorativos e houbo menos fotografía que noutras edicións, pero sendo aínda moi destacable. Cómpre subliñar tamén as cada vez máis brillantes propostas da videoarte. Nestes último apartado poucas galerías apostaron, entre elas ningunha das galegas que, sen embargo, si ofrecen na súa programación expositiva.

O artigo completo, no último número de TEMPOS (marzo 2003, nº 70)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: