Por Sabela Labraña Barrero
Profesora de Filoloxía Galega e Investigadora do Laboratorio de Fonética, na Universitat de Barcelona
:: Percorrido polos estudios de Fonética galega. Veremos como os condicionamentos sociopolíticos influíron na orientación de moitos deles e aínda subxacen na actualidade. Exporanse logo os comezos da investigación experimental no ILG e a situación actual. Tamén se fala doutras tecnoloxías de investigación aínda non aplicadas para o galego.
As consecuencias da situación social e política de Galicia dende a Idade Media, no que fai á Lingua Galega e ós estudios gramaticais sobre ela, resultaron particularmente graves no eido da Fonética. A marxinación do galego ós ámbitos estrictamente populares, e a súa reducción á oralidade, determinaron boa parte dos traballos relacionados cos sons da fala. Ata a a creación do ILG (1971), a escasa formación científica dos estudiosos xunto coa necesidade de reivindicación do idioma, provocou a aparición de referencias valorativas, irrelevantes dende un punto de vista científico, que aparecen mesturadas a cotío nos estudios da pronuncia e dos sons. Un claro exemplo témolo nas primeiras gramáticas nas que o tratamento da fonética fala en por si duns prexuízos xa daquela tan consolidados. Así a Gramática de Mirás (1864) convértese nun testemuño da fala popular, que recolle trazos fonéticos dialectais tan importantes como a gheada e o seseo, pero faino a través de diálogos entre paisaniños galegos e señores casteláns. Mesmo a Gramática Gallega de Saco e Arce (1868), con ser obra dunha certa base científica, mestura as descricións teóricas coas xustificacións extralingüísticas. Nun apartado específico, Observaciones sobre las letras, breve resumen de fonética gallega, se ben ofrece unha descrición do sistema vocálico, baseándose na teoría da vocalización de Orchell, tamén afirma que algúns trazos fonéticos da lingua galega, que tenden á dozura e á harmonía, explícanse pola necesidade de correlación co carácter brando dos galegos (p. e. a adición do e logo de consoante final: poise, mullere, andare...).
Naquela época, e practicamente durane un século, as prioridades concentráronse en sina-las características propias da lingua galega, sobre todo en relación co castelán. Esta necesidade quedaba ben lonxe do desenvolvemento da Fonética como ciencia no ámbito europeo, tanto no plano experimental coma no da transcrición. Téñase en conta que a creación da Asociación Fonética Internacional data de 1886 e que pouco tempo despois (1889) se propuxo o primeiro alfabeto para acabar coa diversidade de símbolos que se manexaba.
A comezos do século XX, o romanista Vicente García de Diego inclúe un estudio diacrónico , cunha descrición do galego da época e dos fenómenos que afectan a vocais e consoantes, en Elementos de Gramática histórica gallega (Fonética-Morfología) (1909). Anos máis tarde aparece outro traballo de fonética histórica en El idioma gallego (1935) de Antonio Couceiro Freijomil. Este autor amosa de novo unha fonda preocupación por atopa-las formas propias do galego, na procura dun galego común; teima compartida por tódolos intelectuais do Seminario de Estudos Galegos do cal era membro.
O cambio de orientación nas investigacións de Fonética veu da man do ILG, que se converteu no laboratorio onde se ían deseñar e realizar a maior parte dos traballos que permitirían a descrición científica da lingua. En poucos anos multiplicáronse as investigacións sobre as diferentes realidades dialectais, entre as que sobrancean as chamadas teses da fala, interesantes estudios centrados na comarca de Ferrol (Porto Dapena, 1977), ou o norte da Terra Cha (Regueira, 1989), entre outras. Este estudio sistemático e preciso deu como froito a publicación de descricións fonolóxico-fonéticas, tanto xerais como específicas, feitas dende as distintas perspectivas que xurdiron ó fío da estandarización. En 1977 Amable Veiga publicou Fonología gallega, e en 1986 apareceu a descrición máis completa do conxunto do galego, na Gramática Galega (Álvarez et al., 1986). Outros traballos clave pola información exhaustiva e rigorosa que fornecen son a Dialectoloxía da lingua galega (Fernández Rei, 1991), e o Atlas Lingüístico Galego. Fonética. (González, 1999.
Pero se os traballos ían sendo cada vez máis científicos, a preocupación dos investigadores ante a diversidade de fenómenos e a variedade de solucións dialectais mantíñase ou se cadra aumentaba ante a discordia en torno á normativa. Esta motivación inspirou en parte as dúas obras que citamos a seguir: a Gramática histórica galega (Ferreiro, 1995), e o volume I, específico de fonética e fonoloxía, da Gramática da lingua galega (Freixeiro Mato, 1998). Ámbolos dous autores explicitan nos respectivos limiares a vontade de contribuír á fixación dun galego común e, xa que logo, á normalización do idioma que non se acabará de consolidar sen un coñecemento científico da realidade lingüística. Na procura dun modelo estándar sitúase o manual de pronunciación galega, Os sons da lingua (Regueira, 1998), un excelente traballo que de seguirse en tódolos usos oficiais, podería se-lo primeiro chanzo cara á tan precisa autenticidade fonética.
Fonética acústica
A fonética galega incorpórase á investigación experimental, coa creación do Laboratorio de Fonética do ILG en 1988 no que se dispuña dos máis modernos aparellos de medición e análise acústica (Digital Sona-Graph 7800 de Kay Elemetrics Corp). O primeiro traballo que se fixo, M. González e X. L. Regueira (1994), pretendían dar a coñece-las características acústicas das realización dos fonemas vocálicos tónicos en posición fonética normal, dando comezo así ó estudio sistemático da materia sonora do galego. Posteriormente habían seguirlle máis traballos sobre vocais e ditongos, sibilantes, entoación, etc., moitos deles xa publicados, como o de C. Martínez Mayo, Descrición acústica de 3 fricativas galegas, no núm. 22 de Cadernos de Lingua. Arestora están en proceso outros proxectos sobre vocalismo, consonantismo, entoación e prosodia.
Tamén no Laboratorio de Fonética da Universitat de Barcelona, dirixido por Martínez Celdrán, estamos a desenvolver traballos de acústica do galego. Entre eles, un estudio das oclusivas galegas xa publicado, e en realización unha tese sobre a descrición acústica das fricativas. Aquí xa foi elaborado Introducción á Fonética. O son na comunicación humana (Matínez Celdrán, 2002), correlato dos de catalán e castelán, que na parte específica da Lingua Galega incorpora as características acústicas do vocalismo e do consonantismo propios.
Síntese da voz
A rigorosa análise da voz que posibilitou a acústica, determinou os primeiros traballos de síntese, especialidade que entra de cheo no campo das tecnoloxías da fala. Hoxe en día o grande obxectivo destas tecnoloxías é consegui-la comunicación entre as persoas e os ordenadores para o cal se precisa, amais da síntese o recoñecemento da voz. Por unha banda perséguese que o ordenador sexa capaz de recoñece-la voz (interpreta-la mensaxe), e por outra inténtase a conversión dun texto escrito nunha cadea oral sen intervención directa do falante. Estes equipos de traballo poden estar formados por lingüistas, enxeñeiros de telecomunicacións, ou conxuntamente por uns e outros.
A investigación das tecnoloxías da fala está en pleno auxe en Galicia. Un equipo multidisciplinar formado por enxeñeiros da Universidade de Vigo e lingüistas da USC, dirixidos por Manuel González, elaboraron no Centro Ramón Piñeiro o primeiro sintetizador de voz desenvolvido en e para o galego Cotovía. Actualmente trabállase na mellora do funcionamento tanto en calidade como en pluralidade de servicios. E nesa liña está outro dos proxectos que coordinan Manuel González e Mª Carme García Mateo: un xestor de diálogo home-máquina con aplicacións telemáticas.
Electropalatografía
É unha tecnoloxía que vai ser aplicada en pouco tempo á investigación fonética da lingua galega. De feito no laboratorio do ILG, onde está instalado o electropalatógrafo, cóntase con poder comeza-los traballos este mesmo ano.
A electropalatografía supera a palatografía tradicional enmárcandose na perspectiva dinámica dos estudios de fonética pois permite visualizar e analiza-los contactos linguo-palatais durante a articulación. É pois un instrumento fundamental no estudio da coarticulación xa que posibilita obter información espacial acerca da configuración do contacto e asemade información temporal sobre o desenvolvemento articulatorio dos sons.
Faremos unha breve descrición do electropalatógrafo utilizado no laboratorio da Universitat de Barcelona. É un EPG3 creado no Speech Research Laboratory da Universidade de Reading (Inglaterra). Consiste nun padal artificial, único para cada informante, que cobre a zona entre os dentes e o padal brando e que se suxeita á boca polas moas. Contén sesenta e dous electrodos de 1,4 mm de diámetro, distribuídos por toda a superficie e conectados a arames de cobre esmaltados. A distribución dos electrodos segue esquemas predeterminados baseados en marcas anatómicas, o cal asegura a comparación entre as diferentes realizacións que proveñen das distintas cavidades bucais dos informantes. A información transmitida polos arames vai a un multiplexor, no que tamén hai conectada unha toma de terra, e de alí ó ordenador. O informante fala diante dun micrófono, o cal permite recoller simultaneamente o sinal acústico, imprescindible para a posterior análise.
A interpretación dos datos palatográficos tense que apoiar na acústica pois o electropalatógrafo informa dos contactos entre lingua e padal duro mais non dá conta das constriccións entre os beizos, nin no padal brando, nin tampouco atende os fenómenos de nasalizacións ou sonoridade.
EMA: sistema de articulografía midsaxital electromagnética
Outra das tecnoloxías aínda non aplicada ó estudio da Fonética galega.
Describiremos o sistema alemán Articulograph AG100 de Carstens Medizinelektronik por se-lo que hai no Institut dEstudis Catalans (IEC) e ó que tivemos acceso persoalmente. Para o galego adoptámo-la denominación de Daniel Recasens, Articulógrafo.
O articulógrafo consta dun casco que se suxeita á cabeza do falante por medio dun soporte exterior que pendura do teito mediante unha polea. Arredor do casco leva tres bobinas transmisoras: verde, azul e vermella, que quedan colocadas respectivamente na fronte, no queixo e na caluga, formando entres elas un triángulo equilátero de 33 cm de lado. Outro dos elementos que conforman o equipo son os sensores, pequenas bobinas colectoras duns 2 mm de diámetro que se pegan ós puntos de articulación mediante un cemento adhesivo. O número de sensores varía nos diferentes aparellos; o do IEC pode pór en funcionamento ata 10 que se reparten entre a lingua (ápice, lámina e dorso), beizos superior e inferior, e na mandíbula inferior. Amais destes colócanse dous de referencia en puntos máis fixos, na confluencia entre o nariz e a fronte e nos incisivos superiores. Os outros dous sensores fixan o chamado plano oclusal do informante ó cal serán referidos tódolos datos do movemento, logo de procesados. A posición deles fíxase mediante unha regra que o falante sostén entre os beizos en posición horizontal. Tódolos sensores van colocados no plano medial, os eixes do cal teñen que ir paralelos ás bobinas transmisoras, e conectados ó ordenador que procesa toda a información.
Os datos, que se obteñen do movemento da lingua, beizos e mandíbula, veñen dados polas distancias entre as bobinas e os sensores recollidas respecto dos eixes de coordenadas Y e X con orixe na bobina vermella; as bobinas xeran un campo magnético alterno de distintas frecuencias que induce unha voltaxe tamén alterna nos sensores. Tamén aquí se recolle simultaneamente o sinal acústico pois as análises requiren deste complemento para facer correctamente as segmentacións da cadea sonora.
Como na electropalatografía, un dos aspectos máis salientables do sistema é a posibilidade do estudio dos efectos coarticulatorios, xa que ó ser dinámico pódense observa-las traxectorias dos distintos tramos da lingua e ve-la evolución nunha secuencia determinada. Poderíase dicir que as dúas tecnoloxías son complementarias, pois mentres a electropalatografía informa sobre os puntos de contacto da lingua sen sinala-lo seu movemento de ascenso/descenso, o EMA proporciona ampla información sobre os movementos da lingua mais non sinala os contactos co padal.
Contribucións do galego nos Encontros recentes de fonética experimental
Trimestralmente, dende 1999, organízanse no Estado español congresos de Fonética Experimental, lugar de encontro de investigadores de tódalas linguas do Estado e outras.
Se ben no primeiro, celebrado en Tarragona non se presentou ningún traballo de galego, non aconteceu o mesmo no segundo, que tivo lugar en Sevilla, no 2002. Neste II Congrés de Fonètica Experimental a contribución da Lingua galega consistiu nun estudio acústico El subsistema arcaico de las fricativas dentoalveolares del gallego, una reliquia en vías de extinción (M. González, E. Folgar, M.Vallejo, L.A. Xuncal) que espertou moito interese entre os colegas.
En Fonética xeral sobrancea o International Congress of Phonetic Sciences que se celebra cada catro anos. Á XIVth edición, (San Francisco, 1999), concorreron fonetistas de moitas linguas do mundo con traballos en tódalas áreas de investigación actuais: prosodia, percepción, tódolos articulatorios, acústicos, as aplicacións en clínica, forenses, aprendizaxe de linguas... Este congreso internacional é un bo indicador da vitalidade da fonética e dos camiños que se abren nos seus estudios e nas súas aplicacións. S. Fernández, S. Feijoo e R. Balsa, do Departamento de Física Aplicada da USC presentaron un traballo Fractal Characterization of Spain Fricatives , que malia o título, inclúe como obxecto de estudio a fricativa palatal xorda, característica do galego e inexistente no castelán. A vindeira edición deste Congreso terá lugar en Barcelona, no 2003.
As novas tendencias
Ata aquí tratámo-las diferentes técnicas e tecnoloxías que serven á investigación experimental sempre dende unha visión de pensamento tradicional científico mecaniscista de trata-las categorías como discretas para así poder proceder ó seu estudio. Pero é preciso ter en conta as novas correntes polas que pode avanzar esta disciplina na liña da lingüística cognitiva e das categorías difusas. No Laboratorio de Fonética da UB traballamos arestora na posible aplicación destes novos paradigmas ó estudio dos sons do galego.
Máis información, con gráficos de sonogramas, electropalatogramas e articulógrafo en:
Sabela Labraña
A fonética galega: da articulatoria tradicional ás técnoloxías máis actuais
Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos. Universidad de la Habana. Vol. I
Ed. de Dieter Kremer
Sada: Edicións do Castro, 2001
ISBN: 84-8485-001-3