Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os estudios de sociolingüística

Por Gabriel Rei-Doval
Lector de galego na University of Birmingham. Recentemente defendeu a súa tese de doutoramento titulada "A Lingua galega no medio urbano, unha visión desde a macrosociolingüística".
:: Panorámica das correntes, autores, proxectos desenvolvidos e liñas de investigación nos estudios de sociolingüística galega, especialmente desde a década dos oitenta.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

A sociolingüística galega actual encóntrase inmersa nunha situación de substancial revisión dos seus postulados e liñas de investigación.

Ata finais da década de 1970, os estudios sobre lingua e sociedade tiñan un carácter eminentemente ensaístico antes ca de investigación empírica realizada con corpora de datos reais e seguindo algunha das metodoloxías habituais en sociolingüística. Este cambio de paradigma prodúcese en boa medida a partir da introducción da lingua galega no ensino universitario.

No xénero do ensaio sociolingüístico, durante as décadas de 1950, 60 e 70, cómpre destaca-las achegas realizadas por Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero e Francisco Rodríguez. O primeiro deles representa a tradición galeguista de corte culturalista, o segundo cataliza as visións da lingua realizadas desde a esquerda non-nacionalista e o último abandeira as ópticas do nacionalismo de esquerdas, que nos anos 80 encontrarán como sucesora a Pilar García Negro.

Nas décadas de 1970 e 1980 os estudios sobre a dimensión social da lingua centráronse, en primeiro lugar, na reflexión sobre a norma ortográfica. Aqueles que consideraban que o galego é unha lingua de seu adaptaron e aplicaron o concepto de ‘idioma por elaboración’ (vs. ‘por distanciamento’) que deseñaran previamente Heinz Kloss e Zarko Muljacic para outras situacións lingüísticas. Pola contra, os que consideraban o galego pertencente á área lingüística galego-luso-brasileira moldearon a vinculación entre corpus e status da lingua ó facer inseparable un mellor futuro do galego da aceptación da norma do portugués estándar.

En segundo lugar, comezouse a prestar atención á distribución das linguas en Galicia. Entre os precursores destes estudios cómpre destaca-los investigadores sociais Margarita Ayestarán e Justo de la Cueva, autores da primeira monografía sobre a distribución das linguas en Galicia, en particular entre as amas de casa da provincia de Pontevedra (1973). No que se refire ó ámbito escolar, o precursor destes traballos foi Xulián Maure (1975), aínda que foi Guillermo Rojo (1979) o primeiro en ocuparse con particular atención desta área, ó estudia-las actitudes do profesorado cara á difusión escolar e social da lingua galega e introducir técnicas cuantitativas da investigación social realizada daquela nas análises sociolingüísticas.

Henrique Monteagudo tamén se dedicou a comezos da década dos 80 (1983) a estas cuestións, ó analiza-las actitudes da poboación escolar. Nesta mesma década defendéronse catro teses de doutoramento centradas nos usos e as actitudes lingüísticas, realizadas por Camiño Noia, Mauro Fernández, Modesto Rodríguez Neira e Xosé Rubal. Estes tres últimos investigadores darían lugar posteriormente a unha importante e influínte producción científica no ámbito da sociolingüística. No caso de Mauro Fernández, arredor tanto de aspectos teóricos sobre o bilingüismo ou a diglosia coma doutros máis empíricos coma o proceso de substitución do galego polo castelán, a análise dos espacios urbanos ou das orixes da sociolingüística. Modesto Rodríguez Neira e Xosé Rubal convertéronse máis tarde tamén en autoridades no campo dos usos e actitudes lingüísticas no ámbito escolar.

A finais da década dos 80 comeza a súa producción científica Celso Álvarez Cáccamo, que xerará investigación arredor das ideoloxías lingüísticas e da vinculación entre lingua e poder, nomeadamente en conexión cunha crítica das visións da lingua consideradas “isolacionistas”. Na década dos 90 continuará esta liña de investigación, na que integrará asemade análise do discurso, ideoloxías lingüísticas e aspectos coma a alternancia de códigos.

A comezos da década de 1990, Xoán Paulo Rodríguez Yáñez incorpórase á Universidade da Coruña e realiza investigacións sobre as estratexias de negociación lingüística, ademais doutros fenómenos relacionados coa conversación bilingüe, que continuará trala súa chegada á Universidade de Vigo a mediados dos 90. Nesta mesma universidade desenvolve o seu labor Anxo Lorenzo, que colaborou primeiro co sociólogo Xoán Bouzada e máis tarde formaría o Seminario de Sociolingüística desta universidade, en colaboración con Fernando Ramallo e Xoán Paulo Rodríguez Yáñez. Da súa obra destacan tanto os estudios sobre o contacto lingüístico coma os traballos dedicados á promoción e dinamización lingüística.

Nesta mesma época creouse o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, ó que se lle encargou elabora-lo Mapa Sociolingüístico de Galicia, o proxecto sociolingüístico máis ambicioso realizado en Galicia, e que se realizaría entre 1990 e 1996. Este equipo de investigación levou adiante ademais outras investigacións, centradas na análise de redes sociais e lingüísticas, alén doutros proxectos elaborados en colaboración con outros investigadores europeos. Entre eles, cómpre destaca-lo proxecto Euromosaic, dirixido por Fernando Ramallo e Gabriel Rei-Doval mentres eran membros deste equipo. Estes dous investigadores promoveron así mesmo outros proxectos tamén de corte macrosociolingüístico, entre os que cómpre destaca-lo estudio sobre o uso do galego na publicidade e as relacións comerciais (1995-1997).

Na Universidade da Coruña acometeuse, mediada a década dos 90, a elaboración dun corpus de fala bilingüe, baixo a dirección de Mauro Fernández. Na Universidade de Vigo, Xoán Paulo Rodríguez Yáñez dirixe, en colaboración con outros investigadores como Anxo Lorenzo e Fernando Ramallo, outro proxecto semellante desde 1998. No último lustro cómpre destacar tamén o proxecto de Análise do discurso público, promovido e coordinado desde a Universidade da Coruña, entre outros, por Celso Álvarez Cáccamo e, como os dous anteriores, aínda en curso.

Na Coruña desenvolveron tamén o seu labor outros investigadores arredor da figura de Celso Álvarez Cáccamo, como Lucía Domínguez Seco, Mário Herrero ou Gabriela Prego, entre outros, que se ocuparon de diferentes aspectos relacionados coas estratexias de negociación e/ou das ideoloxías lingüísticas e outros temas de carácter glotopolítico.

Na Universidade de Santiago a penas contamos con proxectos de corte sociolingüístico nas últimas décadas, sobre todo de carácter colectivo. A tradición filolóxica e gramatical parece impoñerse nesta universidade sobre os intereses sociolingüísticos. Con todo, cómpre destaca-las interesantes investigacións de corte variacionista de Mario Cal Varela e Celia Pollán, malia non se-lo galego materia preferente nas súas investigacións. En canto á sociolingüística histórica, é de destaca-la contribución realizada por Henrique Monteagudo ó longo das dúas últimas décadas.

Na súa segunda etapa (a partir da reapertura en 1998), o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, baixo a dirección científica de Modesto Rodríguez Neira, acomete traballos de corte cualitativo, como análises de grupos de discusión ou de pares de voces simuladas, entre outros. Sen embargo, polo momento aínda non viron a luz publicacións salientables nesta liña. Ana Iglesias defendeu recentemente na Universidade de Santiago unha tese de doutoramento que utiliza tamén análises de grupos de discusión sobre a lingua galega.

Esta investigadora realizou así mesmo, traballos puntuais sobre a historia da sociolingüística. Esta liña de traballo foi tamén acometida por Gabriel Rei-Doval, que aplicou metodoloxías historiográficas ó devalar sociolingüístico nas últimas tres décadas, e na que continúa producindo investigación na actualidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: