Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Planificación lingüística en Galicia

Por Anxo M. Lorenzo Suárez
Profesor de sociolingüística e Director da Área de Normalización Lingüística na Universidade de Vigo
:: A planificación lingüística levada a cabo en Galicia tivo un escasa densidade e diversidade debido a unha mestura de motivacións e de causalidades baseadas nas ideoloxías lingüísticas, nos intereses políticos e nas inercias das institucións.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

Introducción

A planificación lingüística concíbese como unha área de traballo que, desde unha perspectiva práctica, desenvolve un conxunto de métodos de traballo e de técnicas para solucionar os distintos problemas lingüísticos que se presentan nunha comunidade e/ou nunha lingua. Cando un obxecto (socio)lingüístico non funciona e interesa que funcione, procúrase o remedio e búscase unha solución que satisfaga a tódolos interesados. Ese é, a grandes trazos, o obxectivo da planificación lingüística: poñer en marcha os medios e os procedementos para resolver problemas lingüísticos.

No ámbito das linguas minoritarias europeas, a planificación e a política lingüística, inseridas en moitos casos no paradigma da normalización lingüística, tenden a constituírse en puntos de partida conceptual e metodolóxico para ofrecer solucións que solventen carencias e necesidades das linguas sen Estado, sen recoñecemento legal, con cada vez menos falantes, con problemas de codificación, con insuficiencias terminolóxicas, etc., por poñermos uns poucos exemplos ben significativos.

Facer planificación lingüística significa poñer en acción distintos tipos de prácticas planificadoras, de acordo con determinadas ideoloxías lingüísticas -que logo se concretarán en ideoloxías planificadoras-, contando para iso cunha xestión da planificación. Ademais das prácticas, das ideoloxías e da xestión planificadora, un cuarto aspecto está conformado polo conxunto de tendencias sociolingüísticas existentes na sociedade e de inercias e rutinas presentes tamén na sociedade e nas administracións que xestionan a planificación lingüística.

1. Algunhas características da planificación lingüística en Galicia

O exame da planificación lingüística desenvolvida en Galicia desde os primeiros anos oitenta, tal como se puxo de manifesto en distintos traballos avaliativos (cf., por exemplo, Monteagudo, 1997 ou Recalde, 1997), lévanos a poder observar dúas características complementarias (cf. Lorenzo, 2002):

1) en primeiro lugar, trátase dun modelo de intervención revitalizadora morno ou de baixa intensidade, que supón a realización dunha política lingüística de escasa densidade e diversificación.

2) e, en segundo lugar, trátase dun modelo que desenvolve unha intervención social pouco profunda e, como consecuencia, non se aproveitan tódolos mecanismos de que dispón a planificación lingüística para contribuír a que as situacións lingüísticas cambien na dirección que o planificador considera correcta ou axeitada.

Tendo en conta a primeira característica, sería inexacto afirmar que non houbo un esforzo de revitalización do galego desde os poderes públicos. Probas de que tales esforzos existiron serían facilmente aducibles. Noutros casos as actuacións realizadas puxeron claramento de manifesto limitacións e insuficiencias na organización e na xestión da política lingüística a prol do galego. Por exemplo, se reparamos no status e funcionamento dos servicios lingüísticos e de normalización lingüística ou no status que se lles adxudica ós xestores da planificación -lingüistas e técnicos de normalización lingüística-, decatarémonos das insuficiencias organizativas e de concreción práctica na definición dos que deben ser os mediadores e os xestores dunha parte substancial no proceso de recuperación da lingua. En definitiva, constatamos que, desde os anos oitenta, houbo unha serie de actuacións en política lingüística pero que tivo unha intensidade escasa e careceu de densidade e de diversificación.

Tendo en conta a segunda característica, temos a percepción de que se renuncia á formulación de actuacións de recuperación do galego que supoñan, polo menos en teoría, situacións conflictivas, mesmo en ámbitos sociais regulados. Ademais, por outro lado, e en parte derivado do que acabamos de afirmar, estamos ante unha política lingüística carente de incidencia social profunda, que conduza a un cambio significativo nas conductas lingüísticas da sociedade galega. Esa falta de incidencia social podémola concretar: a) na extensión do uso social da lingua, sobre todo nos usos informais e interpersonais; b) na modificación efectiva das actitudes lingüísticas, sobre todo das actitudes subxacentes; c) na presencia do galego como variedade da transmisión lingüística primaria; e d) na introducción da lingua en ámbitos de fonda transcendencia social: medios de comunicación audiovisuais privados, sectores empresariais e económicos, sociedade da información, ensino superior, etc. En consecuencia, os obxectivos normalizadores son moi limitados e aparentemente insuficientes e teñen escasa incidencia para deter o avance da substitución lingüística do galego polo castelán ou para conseguir a regaleguización dos sectores sociais que xa abandonaron o galego. Noutros casos observamos os efectos combinados das dúas características que acabamos de esbozar: escasa densidade e pouca intervención social. Por exemplo, a inexistencia ata o momento actual dun plan director xeral de planificación lingüística, a grave descoordinación nalgunhas das actuacións lingüísticas levadas a cabo, ou a realización de intervencións aparentemente pouco planificadas. Ou tamén a falta de avaliación dos resultados das tarefas de formación lingüística e das actividades de corrección e de asesoramento parece responder a un certo punto de desinterese por coñecer os puntos fortes e febles que puidesen conducir o planificador a obter resultados máis axeitados e, se cadra, máis ambiciosos.


2. Planificación e plans de normalización

Un dos aspectos que máis se bota de menos na planificación lingüística en Galicia é precisamente a inexistencia dun plan técnico e profesional de promoción do galego, que mesmo procurase acadar un certo nivel de apoio e de consenso político e social. A miña idea do que debe ser un plan parte da existencia de obxectivos lingüísticos e planificadores complexos ós cales non se pode acceder cunha programación superficial e rutineira de actividades lingüísticas e sociolingüísticas. De feito, e polo menos na teoría, o deseño dun plan lingüístico supón a concreción das accións e dos obxectivos que se van procurar, ó tempo que supón un esforzo de definición e de coñecemento da realidade que queremos modificar. Ademais, un plano, aínda que de perfil técnico, pode -e mesmo debe- constituír un elemento de mobilización social, na medida en que se desexa que a sociedade participe na súa elaboración e que se implique na busca dos obxectivos perseguidos. Un plano, en definitiva, non é só un documento de traballo práctico: é tamén unha ferramenta de coñecemento da realidade e de participación social.

A Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983 polo Parlamento de Galicia, pode interpretarse como o antecedente máis semellante a un plan de normalización lingüística dos que tivemos ata o momento actual, aínda que sabemos que, en sentido estricto, a LNL é o marco xeral que precede a un plan: é dicir, é o documento das grandes liñas de actuación e da declaración de intencións. En boa lóxica, o plan de normalización do galego debería vir despois, cousa que non ocorreu. A tódolos efectos, a LNL funcionou para algunhas persoas como unha guía das actuacións lingüísticas da administración. Mesmo un alto cargo, con responsabilidades lingüísticas, da Xunta de Galicia argumentaba nun debate hai poucos anos que non se podía sancionar ós que incumprían a lexislación lingüística no ámbito do ensino porque tales sancións non estaban recollidas na LNL. Incrible, pero certo.

Pero precisamente o ámbito da planificación e da política lingüística respecto do galego está a vivir un punto de inflexión. Perfílase unha nova xeira revitalizadora que busca a concreción, a participación social e o consenso mediante a posta en marcha de plans de normalización ou de dinamización lingüística. Que isto se estea a dar no momento presente non é froito da casualidade. Por unha banda, a situación social da lingua non admite máis atrasos para levarmos adiante accións coordinadas, moi pensadas e consensuadas. Por outra, as prácticas planificadoras presentan hoxe en Galicia unha madureza importante, froito dun labor de técnicos normalizadores de dilatada experiencia no terreo, do labor profesional e de asesoramento de organismos como a COTENOL (a Coordinadora de Técnicos/as de Normalización Lingüística), ou da existencia dunha infrastructura de documentación e de apoio técnico como a que presta o Arquivo de Planificación e de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega.

No momento actual, coñecemos o proceso e os contidos específicos do Plan de Normalización do Concello de Santiago de Compostela. Os aspectos máis relevantes deste plan non están só nos contidos, senón na súa mesma xénese e formulación: inicialmente un estudio sociolingüístico (cualitativo e cuantitativo), o deseño dos contidos xerais do plano, discusións sectoriais para a elaboración dos obxectivos concretos e, finalmente, redacción do plan propiamente dito. Un proceso de máis de dous anos que dá como resultado un documento profundo, diversificado, moi concreto e froito dun debate social, comunitario e tamén, por qué non, político.

Anúnciase a elaboración dun plan xeral de normalización do galego que está a deseñar a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Aínda que non se coñecen os seus detalles, é moi posible que os contidos deste plan da Xunta de Galicia teña en consideración as observacións e as liñas de actuación que puña de relevo a Real Academia Galega, nunha xuntanza en setembro de 2001, en forma de propostas de actuación lingüística. Os medios de comunicación públicos e privados, o ensino, as actividades empresariais, ou a toponimia son algúns dos ámbitos sobre os que a RAG chamou a atención e que, con seguridade, terán unha atención prioritaria nese plan en marcha. A procura de consenso social e político na redacción e mais na aprobación dese documento tórnase especialmente necesario neste momento actual tan cheo de incertezas para a lingua.

Finalmente, tamén se anuncia no nivel máis específico do ámbito universitario a posibilidade, tralos debates para a aprobación dos novos Estatutos -esixidos pola vixente Lei Orgánica de Universidades (LOU)-, de deseñar plans específicos para as universidades galegas, tendo moi presente que a educación superior segue constituíndo un elemento clave para o desenvolvemento de usos e espacios prestixiosos do galego.


Remate

A planificación lingüística levada a cabo en Galicia tivo un escasa densidade e diversidade debido a unha mestura de motivacións e de causalidades baseadas nas ideoloxías lingüísticas, nos intereses políticos e nas inercias das institucións. Ademais, o galego nunca foi ata o momento actual un obxecto nuclear do debate social e político galego. Pero no momento actual, o interese pola organización da planificación do galego está a cambiar esa situación. A elaboración de plans lingüísticos, lonxe de ser un capricho ou unha anécdota conxuntural, responde á necesidade de intervir, organizada e planificadamente, no cambio das conductas lingüísticas para que estas sexan máis favorables ó galego. Percibimos que, se non se camiña nesa liña, o futuro da lingua será máis complicado e dubidoso do que observamos na actualidade.


Referencias bibliográficas

Lorenzo, Anxo M. (2002), “Modelo de política y planificación lingüística desarrollado en Galicia para la revitalización social de la lengua gallega”, en I Congrès Mundial de Polítiques Lingüístiques (Barcelona, abril de 2002), Barcelona, Institut Linguapax.

Monteagudo, H. (1997), “Quince anos de política lingüística en Galicia (1981-96). Notas para un balance”, Grial 136, 527-548.

Recalde, M. (1997), La vitalidad etnolingüística gallega, Documento de traballo do Centro de Estudios sobre Comunicación Interlingüística e Intercultural, Valencia, Universitat de València.

Páxina web de Anxo Lorenzo


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: