Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Centros de estudios galegos nas illas británicas

Por David Mackenzie
Profesor na University of Cork, Irlanda
:: Historia dos estudios de galego nas universidades do Reino Unido e Irlanda, que conta cun nutrido número de investigadores.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

Hai na actualidade tres centros nas illas, en Oxford, Brimingham e Cork, citados por orde cronolóxica da súa fundación. En Oxford, o Centro debe o seu impulso fundacional á colaboración entre o Dr. John Rutherford, profesor de español na Universidade de Oxford e Fellow do Queen’s College da mesma universidade, e un profesor da Escola Española de Londres, Xosé María Castro Erroteta. Este último púxose en contacto co entón Director Xeral de Política Lingüística, o Dr. Manuel Regueira Tenreiro, e lograron poñer en marcha o primeiro centro nas illas en 1989. O factor determinante foi o feito de falar galego o Prof. Rutherford, e o seu interese por espalla-la cultura galega tanto dentro coma fóra da propia universidade.

Cousa parella sucedeu en Birmingham. O Prof. David Mackenzie tiña unha longa relación afectiva e académica con Galicia —tanto é así que cando acadou unha cátedra a título persoal quixo que se titulase “Professor of Galician Studies”— e puido coñecer ó Dr. Regueiro en Oxford gracias á xestión de Rutherford e Castro. Este contacto levou en primeiro lugar á dotación dun posto de lector na Universidade de Birmingham en 1991, o que axiña se converteu en Centro, trala decisión da Xunta de crear unha serie de tales centros polo mundo adiante.

O acceso de Mackenzie á Cátedra Oficial de Español de Cork (Irlanda) en 1996 deu lugar á creación doutro Centro de Estudios Galegos na segunda cidade da República de Irlanda, no seo da University College, Cork, universidade constituínte da Universidade Nacional de Irlanda. Por fortuna, un ex-alumno de Rutherford, o Prof. Derek Flitter, acadara un posto de profesor de español en Birmingham, e puido substituír a Mackenzie á cabeza do Centro de Estudios Galegos.

Normalmente o persoal dos centros consiste no profesor da universidade (quen normalmente promoveu o establecemento do centro) e mailo lector. A maneira de se organizaren as universidades nas illas implica unha dependencia do Departamento de Estudios Hispánicos, o que conleva unha serie de consecuencias. O primeiro elemento a ter en conta é a posición histórica dos estudios hispánicos nas universidades: cando xa a finais do século XIX admitiron as linguas e literaturas modernas no currículum, entraron primeiro a francesa e maila alemana, cousa lóxica daquela por se-lo francés lingua da alta cultura e a diplomacia, e o alemán das ciencias, tanto físicas coma humanas. Só xa nos anos vinte do século XX —salvo casos contados, coma a cátedra Cervantes da Universidade de Londres ou a de Trinity College, Dublín— empezaron a se fundar cátedras de español nas universidades. Polo xeral, a lingua e literatura portuguesas danse nos departamentos de español, non xa por razóns de estado nin de política, senón porque os profesores de español se deron de conta de que de non daren eles amparo e lugar ó portugués, non tería a presencia que ten. Despois da Guerra Civil emigraron eminentes filólogos cataláns ó Reino Unido —González Llubera a Belfast, e Batista i Roca a Cambridge—, o que deu como resultado que varios eminentes alumnos seus optasen por unha vertente catalana nos seus estudios —Pierce, Tate, Terry, Russel-Gebbett— e que se establecesen cursos optativos de lingua e literatura catalanas en varias universidades. Despois da Guerra Mundial houbo un interese crecente polos estudios latinoamericanos, chegáronse a fundar cinco “Centros de Estudios Latinoamericanos” no Reino Unido e puxéronse de moda en case tódalas universidades os estudios hipanoamericanos. E xa no vagón de cola chegaron a entrar nalgúns dos departamentos das illas os estudios galegos.

O motivo de dicir isto non é o de se laiar, senón dar a entende-lo difícil que lles resultou a estes pioneiros do galego implantalo nas universidades británicas e irlandesas: o Departamento de Español encargábase de moitas áreas sen o apoio institucional que necesitaba, así que dependía en gran parte do interese e do compromiso de profesores particulares, así coma da contribución económica dos organismos oficiais dos países ou rexións en cuestión para a provisión de lectores.

Tamén inflúe a organización da carreira nas universidades insulares, xa que o alumno vese cada vez máis controlado, tanto polos requisitos do programa coma pola avaliación continua, o que non lle deixa ocos no ano lectivo para aventurarse con materias complementarias.

Outro factor importante é o baixísimo número de alumnos de español no ensino secundario, que non pasan dos 4500 no Reino Unido e dos 1500 na República Irlandesa, dos que, claro está, só unha parte seguen a dar español na Universidade. ¿E por que tratamos do español cando o que nos interesa é o galego? Pois precisamente porque case con exclusividade os que dan galego na universidade fano dentro do programa de español, onde é materia optativa, xunto co catalán e o portugués. Ademais, en Irlanda, e tamén no Reino Unido en menor medida, moitos alumnos de español nas universidades son principiantes, o que impide que accedan a outras linguas peninsulares no primeiro ano; é maioritariamente en segundo cando o alumno escolle o galego, así que o feito de pasaren obrigatoriamente un ano en España dá a posibilidade de que o alumno interesado pase o ano en Santiago para amplia-los seus coñecementos.

Así e todo, e a pesar das dificultades expostas, as tres universidades teñen logrado capta-lo interese de alumnos moi capacitados, e están a fomenta-la investigación sobre temas galegos. A continuación damos unha mostra retrospectiva desa actividade, na que se inclúen os lectores, que tamén souberon aproveita-la estadía para faceren teses, sexa de Master, sexa de doutoramento.

Oxford
Director
John Rutherford, MA, Dphil

Lectores
Benigno Fernández Salgado
Xelís de Toro Santos
Manuel Puga Muruxa

Investigación
Benigno Fernández Salgado, DPhil
Kerry McEvitt, a preparar DPhil
Craig Paterson, a preparar DPhil
Manuel Puga Muruxa, a preparar DPhil

Birmingham
Director
Derek Flitter, MA, DPhil

Lectores
Xelís de Toro Santos
Xosé María Moreno
Anxos Sanmartín
Gabriel Rei Doval

Investigación
Xelís de Toro Santos, MA
Carmen Millán, Ph.D.
Joanna Richardson, a preparar Ph.D.

Cork
Director
David Mackenzie, MA, Ph.D.

Lectores
Marta Souto Vaqueiro
Martín Veiga
Investigación
Daniel Leitch, MA
Carla Kennedy, MA
Martín Veiga, a preparar Ph.D.
Carla Kennedy, a preparar Ph.D.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: