 |
 |
Tres avións de pasaxeiros, secuestrados, caían á mañá cedo (á tarde, hora galega) sobre as Torres Xémeas de Nova York e sobre o Pentágono. Foi sen dúbida o maior ataque terrorista da historia, cun número de víctimas incalculable: 50.000 persoas traballaban nas torres, centro económico da cidade, e 25.000 máis no Pentágono. As hipóteses da autoría dirixíronse nun primeiro momento aos palestinos, pero todos os grupos condearon duramente o crime, con Iasir Arafat á cabeza. O mesmo que fixeron os talibáns afganos. Só queda o argumento de Bin Laden, o xeque árabe que supostamente financia grupos terroristas islámicos. Pero fontes achegadas ao magnate negaron esta implicación. Mentres, Estados Unidos paralizábase por completo, as bolsas derrubábanse tamén en todo o mundo e o barril de petróleo disparábase a 30 dólares. O presidente estadounidense George Bush, en paradoiro oculto, emitía unha primeira mensaxe gravada, na que prometía 'cazar' os responsables. Ás dúas e media da madrugada (hora galega), e logo de chegar á Casa Branca, Bush ofreceu unha nova declaración na que garantiu que os edificios do Goberno, incluído o Pentágono, abrirán as súas portas este mércores. Ademais, o presidente americano sinalou que o seu país non fará distincións entre os terroristas e aqueles que os protexen. O mundo está á espreita.