Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Antón Cortizas, Merlín de maxia, humor e tenrura

"Gustaríame falar un pouquiño de costureiras", dixo o ferrolán Antón Cortizas logo de recoller o Merlín. A obra gañadora,A merla de trapo, presentouse ao certame baixo o lema Costureiriña bonita. Cortizas, de longa traxectoria xa na literatura infantil, lembrou a súa nai, Antonia, costureira, e a súa infancia ao pé dunha máquina de coser Singer. Velaquí a entrevista que tivemos con el.

- 02:32 25/06/2001
Tags:

"Miña filla pode presumir de que seu pai é quen de subirlle os baixos dun pantalón"

Vieiros: ¿E á literatura, é difícil subirlle os baixos á literatura?
É unha historia que me tomou tres anos. Cando estás recreando, porque eu falo de recrear, máis que de crear, as historias poden ser todas as mesmas, podes cambiarlle as tornas, podes dicilo doutra maneira, pero sempre estarás a falar de seres humanos. Estraendo un relato da vida, os amores adolescentes dun rapaz e unha rapaza, a relación entre a cidade e a aldea... todo está contado, pero sempre se pode expresar doutra maneira.

Literatura infantil ou xuvenil, pero boa literatura á fin e ó cabo para calquera lector
É un handicap que ten esta literatura.Cando te enfrontas a unha historia, sexa do tipo que sexa, do estilo que cadre, ou dos destinatarios que te propoñas, porque non sempre un se propón destinatarios. Non se deben propoñer de feito. O destinatario non fai a unha literatura boa ou mala O que un intenta facer é algo con xeito. Poñer algo de cada un, de como a vida te foi facendo.

¿A túa vida fai a túa literatura?
Eu penso que si, pero non a miña, eu creo que a de todos. A de moita xente alomenos. Pero a miña especialmente, si. Eu moitas veces o que conto son extractos de cousas que vin, que transformo, que modifico, ou que soñei. Simplemente.

¿De onde tiras máis, dunha anécdota, dunha realidade, dun soño?
Ás veces é unha palabra, outras veces ten sido un soño, en ocasións unha realidade. Pode ser que cho piden. Eu teño un libro,O conto dos sete medos, que o escribín porque unha das miñas fillas mo pediu. Insistiu e insistiu en que quería un conto de medo e saíu ese libriño. Cada historia ten o seu sentido.

¿E A Merla de Trapo, de onde nace o premio Merlín deste ano?
Antes tiña escrito O merlo de ferro sobre o ferreiro Manuel ó que se lle ocorre facer un merlo de ferro capaz de cantar e de voar por riba dos ventos. Era ese pai que foi ferreiro e que me permitiu xogar na forxa que tiñamos na casa. Se este ferreiro fixo un merlo de ferro, pois...alguén tería que facerlle unha compañeira a este merlo: a costureira que era miña nai.

¿Hai certa semellanza entre eles logo?
Si pero, vaia rematan sendo moi distintos un do outro. Estes son relatos á maneira tradicional, rememora o conto, a tradición oral. Son un conxunto de historias que se van narrando, independentemente, pero todas teñen como protagonista e van enfiadas pola costureira.

O propio lema Costureiriña bonita, xa lle acaía ben como título
Si, hai unha cantiga popular,...costureiriña bonita, ven coser á miña casa, con alfergas de fío con agullas de prata... A protagonista é unha costureira que cose nas casas, como se facía antes. Conta a historia dunha costureira que vai á vila. Na vila aparece entón un ferreiro, que viña da aldea tras dela. Os dous quedan citados, e faise un xogo metafórico. Dúas personaxes do rural que rematan xuntándose na vila. De feito miña nai de nova cosía nas casas da cidade. Viñera de moi nova a Ferrol a buscar fortuna. E meu pai que xa daquela estaba namorado dela foi detrás. Montou unha forxa en Ferrol e fixeron familia alí.

hai unha novela tamén aí...
Hai. Se cadra haberá que contala algún día. Doutra forma claro....

¿Gustas dos encontros cos lectores, tan significativos no mundo da literatura infantil? Si, moito. Ás veces, incluso é do que máis disfruto. Nos últimos tempos vou moito a colexios e é emocionante. Gústame saber como son interpretados os contos. E máis aínda ver que se interpretan ben, como pretendías. Ademais os contos ás veces gañan en matices, mudan ou convírtese noutra cousa cando os les, cando se poñen noutra voz, que non ten porque ser a túa propia.

¿A literatura, no eido infantil, precisa de ser guiada ás veces?
Penso que non. Cada lector debe construirse a historia. Medrar con ela e interpretala ó seu xeito. No Merlo de Ferro, falábase da morte ó fin e o cabo. Podería parecer duro. Pero é que hai contos tremendos que ó contalos como historias populares non pasa nada. Unha das cousas que teñen os contos populares é que son catárquicos, serven para curarnos eses medos terroríficos.

¿Que relato de A Merla de Trapo che ven agora á memoria?
Por exemplo, cando o merlo e a merla se van, e a costureira agarda o seu regreso, e volven con tres merliños, que son tres metáforas. Metáforas de treboada, de esperanza....

¿E por que escolles ó merlo?
Porque é un paxaro bonito, non tanto polas súas cores como polo seu atrevimento, porque canta moi ben. Co seu peteiro dourado de raios de sol, coas súas patas de fíos de risco da vella, con dedos de pingas de choiva...

E se non hai merlos nas fragas haberá que buscalos nos libros...
Merlos hai moitos, incluso en Ferrol, é un paxaro que goza de boa saúde. Escóitoos con frecuencia. Están a miudo no falar da xente e son moi usuales tamén na literatura popular. Hai un conto popular, A Merla cocherla, que conta un home de Ferrol. Fala dunha merla que ten os merliños no niño e ven o raposo e di que lle bote os merliños porque se non co seu rabo vai fender o carballo. E a merla pasmona vai e bótallos. Logo vista outro paxaro e falan do que pasou.

... O fin da literatura é conseguir beleza coas palabras. E cada un consegueo dunha forma, co seu estilo. O mellor que lle pode pasar a un autor é precisamente ter un estilo, unha maneira de contar.

Pasa da medianoite en Viveiro. Noite de san Xoán. E Antón Cortizas cóntanos da súa obra. El tamén ten unha maneira persoal de contar, con humor, tenrura, lirismo e maxia. O premio Merlín deste ano con A Merla de Trapo


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: