A Comisión Viguesa pola Memoria do 36 reclamoulle ao presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, que lle solicite ao Goberno central a restitución dos fondos e dos documentos históricos de Galiza durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, para reunilos nun futuro Arquivo-museo da resistencia.
Os responsables desta comisión reclamaron así mesmo que esta proposta sexa apoiada por todas as forzas políticas do Parlamento a fin de que toda a documentación sexa "devolta de inmediato por formar parte do patrimonio histórico do pobo galego", do mesmo xeito que aconteceu en Cataluña.
Solicitaron que se reúnan os documentos sobre Galiza que na actualidade se encontran nos fondos do Arquivo histórico nacional de Madrid, no do Arquivo da Guerra civil de Salamanca, no Arquivo xeral da Administración localizado en Alcalá de Henares e no da Armada de Viso del Marqués.
"Para poder recuperar a nosa memoria histórica cómpre contar cunha activa decisión política por parte das distintas administracións, fundamentalmente do Goberno galego", sinalaron os membros desta comisión. Lembraron que Galiza debe reclamar o seu patrimonio histórico igual que no seu momento fixo Cataluña e, tras un informe da comisión de expertos do Goberno central, se lle confirmou a devolución dos documentos que se atopaban no Arquivo de Salamanca e que eran parte da memoria de 1936 catalana.