"Non podo implicar nesa situación tan desagradábel a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademais, son familiares directos dos asasinados". Así o expresa Dionisio Pereira, denunciado pola familia de quen fora rexedor durante o franquismo e xefe local da Falanxe en Cerdedo. Colectivos galegos e de todo o Estado seguen expresándolle o seu apoio ao historiador.
Ducias de asociacións e centos de persoas a título individual seguen aproveitando internet para facer pública a súa solidariedade co historiador Dionisio Pereira, nunha loita que como el mesmo sinala "vai máis aló do persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista".
"Está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento per secula seculorum da impunidade dos agresores, asumida hoxe en día polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva", afirma Dionisio Pereira. O historiador foi citado para este xoves 15 de febreiro no xulgado de paz de Cerdedo logo da demanda de conciliación presentada pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo alcalde de Cerdedo e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar de 1936.