Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VERDEGAIA ALERTA DA INTRODUCIÓN DE SUBSTANCIAS CANCERÍXENAS NA CADEA TRÓFICA

Un verquido de aceite cobre máis de dúas hectáreas das Gándaras de Budiño

As Gándaras de Budiño, no municipio do Porriño, víronse afectadas o pasado martes por un verquido de aceite procedente do polígono industrial anexo ao bosque asolagado. A asociación ecoloxista Verdegaia denunciou a presenza dunha grande mancha que cubría totalmente unha superficie de máis de dúas hectáreas. Segundo esta, "estamos ante un grave delito ecolóxico, con risco para a saúde pública pola probábel introdución de substancias canceríxenas na cadea trófica". A Consellaría de Medio Ambiente xa tomou mostras do verquido para a súa análise.

- 18:56 14/02/2007
Tags:

Verdegaia confirmou que o aceite procede dunha caneira do citado polígono, mais aínda se descoñece a identidade dos responsábeis directos. Afirman que non é a primeira vez que acontece xa que, hai uns meses, varios traballadores da empresa máis próxima ao punto de verquido da caneira sufriron mareos polo fedor.

"É posíbel que o verquido se realizara uns días antes, coincidindo coa volta das chuvias, o que podería ter relación cunha grande mortaldade de peixes no río Louro á altura de Tui", sinala o grupo ecoloxista. Este esixe o feche da empresa implicada, así como a aplicación do código penal "por causar un grave delito ecolóxico, con risco para a saúde pública, por contaminación de chans e acuíferos, e cos agravantes de reincidencia e afectación a un hábitat prioritario da Rede Ecolóxica Europea Natura 2000".

Neste senso, afirman que o verquido "podería ter introducido substancias canceríxenas na cadea trófica". Os terreos afectados están cualificados como hábitat de conservación prioritaria, e están incluídos na área natural protexida das Gándaras de Budiño.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: