Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPROMISO DA XUNTA E GOBERNO PORTUGUÉS NA ASEMBLEA DO EIXO ATLÁNTICO

O AVE entre Porto e Vigo estará listo en 2013

A XXII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico deixou o 2013 como data para finalizar os últimos tramos da alta velocidade entre Porto e Vigo. Na xuntanza, que se desenvolveu na cidade lusa de Vila Nova de Gaia, Xunta e Goberno portugués comprometéronse a axilizar a posta en marcha dos tramos aínda non licitados para que nese mesmo ano comece a funcionar o trazado. Ana Paula Vitorino, secretaria de Estado dos Transportes, e María Xosé Caride, conselleira de Política Territorial, sinalaron que a conexión é "fundamental" para "o desenvolvemento de toda a rexión".

- 14:07 10/02/2007
Tags:

Na súa intervención, o presidente de quenda do Eixo e alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo fincapé na necesidade de xuntar esforzos para poñer en marcha canto antes os tramos aínda sen licitar. Nesa liña, o Eixo decidiu crear unha comisión de seguimento dos prazos do Ave, xa que para a institución o proxecto é "inseparábel da modernización da rede interna ferroviaria entre as cidades de Galiza e do norte de Portugal".

Pola súa parte, María Xosé Caride amosou logo da xuntanza a súa satisfacción porque o Goberno luso "mantén o compromiso adquirido no Cumio de Badaxoz", no que se sinalaba o 2013 como data final. Caride valorou positivamente as palabras de Vitorino nas que se sinalaba que o enlace con Galiza ten tanta prioridade como o Lisboa – Madrid.

Segunda informa o Eixo, o tren deberá circular a unha velocidade media de 220 quilómetros por hora e transportará mercancías e pasaxeiros. Ademais, conectará coas cidades os portos e os aeroportos.


0/5 (0 votos)