Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPROMÉTESE ADEMAIS A QUE O AVE Á MESETA ESTEA FINALIZADO ANTES DO 2015

Zapatero asume a Cidade da Cultura como un "proxecto de Estado"

Os presidentes dos Gobernos galego e español mantiveron este martes unha xuntanza en Madrid. Durante as dúas horas de reunión, Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero trataron de varios temas, concretamente de tres: a Cidade da Cultura, os estaleiros de Navantia e o AVE á Meseta. Segundo sinalou o titular da Xunta, o presidente español adquiriu varios compromisos ao respecto: o proxecto de Monte Gaiás vai pasar a ser "un proxecto de Estado"; a construción de navíos privados "será estudada dentro do marco comunitario"; e as obras do tren de alta velocidade que unan Galiza co Estado e con Europa comezarán no 2009 e finalizarán "de hoxe en cinco ou seis anos".

- 17:02 06/02/2007
Tags:

O titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibiu este martes do presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o compromiso de converter á Cidade da Cultura en "proxecto de Estado". "Queremos e acordamos que xogue un papel de enlace cultural entre Europa e España con Iberoamérica", remarcou Touriño. Ademais explicou que, para desenvolver este proxecto, acordaran crear unha comisión na que participará a Xunta de Galicia, a Presidencia do goberno español, e os ministerios de Asuntos Exteriores e de Cultura

Respecto á construción naval en Galiza, Pérez Touriño asegurou que "obtivo do presidente a súa disposición de, no marco da normativa comunitaria, estudar as posibilidades do proxecto presentado pola Xunta" para Navantia e liderado por Barreras. O presidente engadiu, a este respecto, que o conselleiro de Industria se reunirá "con carácter inmediato" coa comisaria europea na materia, co fin de estudar as posibilidades e formularlle "o proxecto que estamos impulsando dende o Goberno". Ademais, Rodríguez Zapatero comprometeuse a "analizar" que os estaleiros galegos poidan fabricar unha sexta fragata.

O AVE, en "cinco ou seis anos"
"Galiza pode ter a confianza certa de que nun horizonte razoábel, de cinco ou seis anos, a rede de cidades terá un tren de alta velocidade que a conectará ao conxunto do Estado", manifestou Touriño. En concreto, no que respecta ao AVE Vigo-Ourense, sinalou que, logo da reunión que mantivo co presidente español, está en disposición de "afirmar e comprometer" que "Vigo estará conectada en alta velocidade con Madrid a través dunha conexión directa".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: