Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBADELAS NA LOITA POLA VIABILIDADE DO SECTOR

Onde está a SEPI cando hai que mirar polo futuro do naval ferrolán?

De Sevilla, Puerto Real, Gijón ou Sestao chegan as novidades das últimas iniciativas da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, SEPI, ao respecto do sector naval. Mentres, a entidade cualifica de "irrealizábel e sorprendente" a proposta da Xunta para o estaleiro de Fene mesmo antes de coñecela. Meses antes rexeitaban tamén sentar a falar do asunto co conselleiro de Innovación e renunciaban a xuntarse cos axentes sociais ferroláns para analizar a viabilidade do sector. Agora argumentan problemas, segundo o goberno galego "inexistentes", para opoñérense ao plan de futuro para as instalacións de Fene. Ten plan alternativo a SEPI para o naval galego? Non á luz da posición oficial, xa que subliñan a "plena satisfacción" coa situación actual dos estaleiros.

- 13:09 02/02/2007
Tags:

Desde a Sociedade Estatal de Participacións Industriais afirman non ter proxectos inmediatos para o estaleiro de Fene, integrado en Navantia, e subliñan a "satisfacción" coa carga de traballo e ocupación actual. Paradoxalmente, o propio presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, recoñecera en decembro pasado, durante unha comparecencia na comisión de Economía do Congreso, que non se está utilizando toda a superficie dispoñíbel e que podería destinarse ese espazo a actividades alén da construción naval. Contestáballe Robles daquela a unha pregunta do deputado nacionalista Francisco Rodríguez, quen se queixaba da "infrautilización" das instalacións.

A necesidade de corrixir esa "infrautilización" levouna a primeiro plano a Consellaría de Innovación xa na altura de novembro de 2005, cando propuxo constituír unha comisión para o desenvolvemento do sector naval en Ferrolterra. A proposta por escrito chegou a Madrid un mes máis tarde, malia que a SEPI ignorou o convite.

En setembro, a Xunta convoca finalmente á reunión, e unha vez máis, a SEPI rexeita asistir á xuntanza. Nese foro, a consellaría presenta o borrador do proxecto, deixándoo aberto ás achegas dos axentes sociais. Antes de coñecer polo miúdo a proposta, a SEPI presenta xa un comunicado oficial onde descualifica a iniciativa e mesmo asegura que pode "poñer en perigo" o futuro de Navantia.

Problemas "inexistentes"
Desde a SEPI insisten en que o proxecto da Xunta "ignorou" que o estaleiro de Ferrol-Fene está integrado en Navantia, con "prohibición expresa" para a realización de calquera tipo de construción civil até o ano 2015.

A argumentación é rexeitada desde a Consellaría de Industria xa que, segundo explican, o documento presentado en ningún momento se pronuncia sobre a posibilidade da privatización e menos aínda sobre o potencial uso privado dos predios non utilizados pola factoría na actualidade.

A Consellaría de Innovación xa pediu cita coa Comisión Europea, para tratar do asunto directamente coa comisaria da Competencia, Neelie Kroes, e desbloquear a situación garantindo o futuro do naval en Ferrolterra.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: