O grupo socialista de Sanxenxo apoia unha urbanización de 260 chalés a menos de 150 metros da costa, en Punta Festiñanzo (entre as praias de Area de Agra e Areas). A Dirección Xeral de Urbanismo non aprobara este proxecto polo trazado do vial, e agora que foi presentada a variante non deu resposta. O silencio administrativo permitiu seguir adiante co plan. Dende a plataforma Salvemos Sanxenxo amosan a súa decepción coa Consellería de Política Territorial e co grupo socialista de Sanxenxo. Lembran que o departamento anunciou hai pouco unha lei que suspenderá as licenzas a 500 metros da beiramar.
A especulación urbanística, particularmente alarmante na costa, os usos do chan e o respecto polo medioambiente continúan a ser das principais preocupacións da sociedade galega: esta fin de semana, Ferrol manifestouse contra a construción de edificios en prazas e parques emblemáticos, Salvemos Sanxenxo advirte dos perigos da urbanización na costa perante a inminente construción de 260 chalés en Punta Festiñanzo, e Pontedeume acolle, o próximo venres, unha conferencia sobre a ordenación territorial na costa.
O plan de edificar 260 chalés no S.u. 9 de Sanxenxo obtivera o 26 de decembro de 2005 un informe desfavorábel da Dirección Xeral de Urbanismo polo vial de acceso que se pretendía facer, que afectaba a un paso de servidume. En xullo de 2006, a promotora remitiu un escrito rebatendo o documento. O silencio administrativo da Xunta permitiu agora que o plan continúe. "Nós tiñamos a esperanza de que se paralizase, pero nun pleno votouse a favor de que fose levado adiante", indica Xoán Iglesias, de Salvemos Sanxenxo. A secretaria xeral do PSOE en Sanxenxo, Dulcinea Aguín, defendeu o seu posicionamento a favor argumentando que o vial, a única irregularidade atopada pola Dirección Xeral de Urbanismo, foi modificado.
A zona era forestal até a recalificación do PXOM do 2003, elaborado polo alcalde popular Telmo Martín, na que aparece un novo termo sobre os chans urbanizábeis. "Hai que ter en conta que o PXOM de Sanxenxo foi aprobado no seu momento acorde coa Lei de Costas daquela, e se a Dirección Xeral tivese algo que dicir a este respecto, diríao", explica a edil socialista. "Pero a única pexa foi o vial, que xa foi convenientemente modificado. Presentouse unha nova proposta que cumpre coa lexislación, independentemente da Lei de Costas, e en tres meses non se obtivo resposta. Calquera iniciativa dos veciños que teña os beneplácitos legais vai ser apoiada polo grupo socialista". Aguín mantén que o cambio con respecto a este chan, que era dos que tiña menor índice de eficabilidade, foi unha iniciativa veciñal. "A maioría dos propietarios son veciños da zona, independentemente de que logo vendan a unha empresa".
O S.u.9 foi solicitado por José Manuel Otero Rey e sete empresas máis, "que non son veciños de Festiñanzo, que é o argumento do PSOE", segundo di Xoán Iglesias. Está previsto que as obras comecen no prazo de dous anos, xa que os promotores necesitan estar en posesión de polo menos o 51% do terreo (segundo o procedemento de Xunta de Compensasión), unha porcentaxe difícil de conseguir debido á gran cantidade de propietarios existente (686 Propietarios) problema relacionado co minifundismo galego. Dende a asociación advirten que xa hai veciños que sofren todo tipo de ameazas para vender as súas leiras. "A un dos propietarios entráronlle na casa a roubar as escrituras, non sabemos se se trata dun familiar", á altura de xullo. Mesmo apuntan aos incendios intencionados do verán como parte da estratexia: segundo o propio PXOM de Sanxenxo, no referido ao S.u. 9 (páxina 132), cómpre seguir certas medidas antes de urbanizar á hora de protexer a flora autóctona: realizar un inventario do arbolado previo, e, no caso de que existan especies auctóctonas ou árbores de gran valor, deberán conservarse.
Manifestacións en Ferrol e Lugo
Ferrol acolleu este domingo unha manifestación na que participaron preto de dous mil veciños, que realizaron unha marcha polas rúas da cidade para protestaren contra o proxecto de construción dun macroedfiicio na Praza de España. Asociacións veciñais e culturais, partidos políticos, sindicatos e a Federación de ANPAS xa convocaran unha mobilización en decembro. Nós UP solicita, ademais da paralización do proxecto, un cambio global na política urbanística do concello ferrolán, particularmente esta iniciativa de PP e IF, e un cambio na toponimia: propoñen Porta Nova na vez da Praza de España.
Por outra banda, a plataforma luguesa en defensa do Parque Rosalía continúa a se mobilizar en contra da construción de edificios a carón deste espazo: entre os seus obxectivos, queren, ante todo, preservar o espazo natural do Parque de Rosalía e o seu entorno para futuras xeracións, conservar a vista do meandro do río Miño, as carballeiras e leiras do seu entorno, e harmonizar os tres espazos máis significativos da cidade: a muralla, a zona monumental e as costas do Parque de Rosalía. Para reforzar isto lanzan unha campaña de apoio á declaración do parque como ben de interese cultural.
Charlas en Pontedeume
Co título Problemática ambiental e ordenacion territorial na costa, a Casa da Cultura de Pontedeume acolle este venres 26 ás oito da tarde unha mesa redonda organizada por ADEGA, o COAG e o Colectivo Fusquenlla. Nela han participar representantes dos tres colectivos: a presidenta de ADEGA, Adela Figueroa Panisse, o arquitecto Juan Creus Andrade, do COAG, Manuel Domínguez Ferro, do colectivo Fusquenlla, e o xornalista Fernando Varela Martul. Dende o COAG sinalan que o proceso de destrución da costa sófrese dende hai cinco anos, e apunta á "inoperancia das administracións á hora de facer cumprir as normativas vixentes en materia urbanística ou mediambiental ou de desenvolver os instrumentos necesarios para a ordenación destes espazos (plans directores de espazos naturais, plans de usos do litoral, directrices de ordenación territorial…)" como un dos factores clave. "A posta en valor dos valores naturais e paisaxísticos das nosas costas é un dos eixes irrenunciábeis para o futuro do desenvolvemento social e económico de Galicia, un valor que debe ser defendido e preservado no presente para as xeracións futuras".