O dito de que de sabios é rectificar vaille moi acaído ao hotel Louxo da Illa da Toxa. A empresa comprometeuse coa Mesa pola Normalización Lingüística a iniciar un proceso de galeguización dos seus servizos. A primeira mostra pódese ver dende este martes. A páxina electrónica do hotel xa dispón dunha versión na lingua do país. A empresa adoptou a decisión despois de que transcendese que lle tiña prohibido por escrito aos empregados o uso do galego.
O director do centro hostaleiro, Manuel Amoedo, entrevistouse en Santiago este martes co presidente da Mesa, Carlos Callón. Amedo explicoulle que toda a polémica se debe a un "erro" e a unha "redacción desafortunada" do manual de atención ao cliente. O hotel que agora se denomina Louxo-La Toja pasará en breve a ser Louxo-A Toxa. Tamén introducirá a nosa lingua na sinalización e nas facturas. Callón considera estes feitos uns "xestos de boa vontade".