Nesta terceira xornada do Foro Social Mundial en Nairobi, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, moderou o debate que tivo lugar de oito e media a once, co título A emancipación nacional no movemento antiglobalización. Nel interveu a líder do movemento Cinto Verde, premiada co Nobel no 2004, Wangari Maathai. Mañá, Beiras participará tamén no Foro Parlamentario Mundial, á procura de alternativas á globalización e dunha orde económica e social máis xusta.
Segundo nos informa Xabier Macías, da Fundación Galiza Sempre, "levamos dous días participando nun debate sobre o futuro do Foro Social Mundial, con varios persoeiros relevantes da loita antiglobalización. Estanse a realizar varios traballos e análises, sempre en defensa da soberanía nacional nun mundo globalizado". Sobre o debate desta mañá, informa que vinte persoas, entre membros da Fundación Galiza Sempre, os Verdes europeos, persoeiros do socialismo francés, et, foron acollidas por membros do Green Belt (o Cinto Verde), unha oenegué que leva décadas traballando en defensa do medio ambiente e do desenvolvemento comunitario dende as montañas darredor de Nairobi.Organizando ás mulleres pobres do rural en Kenia para plantaren árbores, combaten a deforestación, consiguen os seus propios recursos, e camiñan cara á autoxestión. "A defensa da soberanía nacional é parte fundamental da loita antiglobalización: a soberanía sobre os recursos, tanto alimentaria como política, é a clave". Macías conta que os diálogos da xornada centráronse no desenvolvemento autocentrado, a xestión de recursos como a auga, os bosques... "A poboación debe vivir dos recursos do seu país, e decidir sobre os seus propios recursos".