Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRA XORNADA DE DEBATES EN NAIROBI

Críticas contra a Revolución Verde proposta por Gates e Rockefeller no Foro Social Mundial

A primeira xornada de debates no Foro Mundial Social, que se está a desenvolver desde o pasado sábado en Nairobi (Kenya), deixou duras críticas contra a Revolución Verde proposta polas fundacións de Bill Gates e Rockefeller. Foi a activista india Vandana Shiva quen acusou as fundacións de promover un sistema que favorece a perda da diversidade agraria e o endebedamento dos agricultores. Segundo Shiva, a utilización de sementes híbridas e fertilizantes é "unha receita obsoleta" xa que "provoca a perda da diversidade agraria, a base para a vida dos campesiños, e equilibrio ambiental".

- 10:42 22/01/2007
Tags:

Na súa comunicación, Vandana Shiva, lembrou que no caso da India, a Revolución Verde "destruíu a terra máis próspera do país e onde antes se plantaban até 250 variedades de semente, hoxe plántanse tres: millo, arroz e algodón. Non se produciu máis comida, só máis arroz e menos legumes".

A activista, que sinalou que son milleiros os campesiños endebedados para pagar as sementes e fertilizantes, asegura que "se pode producir máis comida traballando coa terra, non contra ela, preservando a biodiversidade, non destruíndoa. Shiva apuntou ademais que son as grandes multinacionais as que se benefician coa venda de sementes, cun beneficio de preto duns mil millóns de euros ao ano.

Máis dun milleiro de actividades até o xoves
A primeira edición do Foro Social Mundial que se celebra en África atraeu até a capital kenyana a preto de 100.000 persoeiros e activistas. O foro comezou o sábado cunha manifestación por Kibera, o barrio de chabolas máis grande de África. Na marcha denunciouse a rápida urbanización africana e o éxodo da poboación do campo á cidade, o que provoca a proliferación de zonas marxinais sen auga, electricidade e servizos en todas as cidades africanas. A loita contra a sida, os conflitos bélicos e os desiguais tratados de comercio están a protagonizar tamén esta edición do Foro.

Até o próximo xoves desenvolveranse en Nairobi máis dun milleiro de actividades. O mércores, a tan só uns dúas de que se inaugure en Davos o Foro Económico Mundial, serán os representantes das organizacións progresistas e humanitarias os que expoñan os seus plans de acción para este ano 2007.


Ligazóns

0/5 (0 votos)