Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A REFORMA PODERÍA QUEDAR PARA A VINDEIRA LEXISLATURA

Feijoo rexeitou en Monte Pío puntos que xa estaban apalabrados na comisión estatutaria

No PSdeG e no BNG sabían que o acordo para un novo Estatuto ía ser unha cuestión difícil. Porén, algúns dos que mellor coñecen o que pasou o mércores en Monte Pío quedaron abraiados coa postura final do PPdeG. Poucos días antes do encontro dos tres líderes aumentara o optimismo. Nas filas socialistas vían moi factíbel un apoio dos conservadores á proposta de Touriño. Segundo fontes consultadas por este xornal, as profundas diferenzas que se palparon na reunión de Santiago incluso sorprenderon a algúns dirixentes populares. Feijoo amosouse intransixente en puntos que xa foran limados con anterioridade na comisión estatutaria. Hai quen cre que houbo consignas expresas dende Madrid que imposibilitaron unha saída conxunta.

- 18:29 19/01/2007
Tags:

O líder do PP alegou que moitos dos puntos falados na comisión estatutaria vulneraban a Constitución española. A postura sorprendeu aos coñecedores dos textos xa que algunhas cuestións que impediron o acordo final, como por exemplo as competencias marítimas que tería a Xunta, estaban xa debatidas previamente e contaban co beneplácito dos propios representantes do PP.

Eran moitos os que coidaban que o preámbulo proposto por Touriño, que remitía á Lei de Símbolos para resolver a cuestión identitaria, podía ser asumida polo PP. Nas negociacións previas ao encontro, os conservadores sinalaron que só había dous puntos que non podían apoiar baixo ningún concepto. Non se podía dicir que o Parlamento era quen definía a Galiza como nación nin considerar o deber de coñecer o galego. A razón era que o partido tiña xa presentados recursos no Tribunal Constitucional contra o Estatuto de Cataluña por estas dúas cuestións.

Nas filas socialistas cren que a postura do PP a nivel estatal ten boa parte da culpa do fracaso das negociacións. Coidan que será necesario un fracaso dos conservadores nas vindeiras eleccións xerais para que mude a súa postura sobre como debe artellarse o Estado. Estas mesmas fontes sosteñen que a cúpula do PP español está instalado nunha posición ideolóxica maximalista e que emprega como principal arma estratéxica a mensaxe do "temor a unha ruptura".

No BNG a percepción é diferente. Un destacado dirixente sinala que, aínda que é certo que a situación en Madrid non axuda, o propio Feijoo non cre na verdadeira necesidade dunha reforma estatutaria. A diferenza doutros dirixentes conservadores, Núñez Feijoo non tería a máis mínima dúbida de que a postura que marca o PP a nivel estatal é a correcta. Por iso, cre que a reforma do Estatuto de Galiza vai ser imposíbel até que cambie a correlación de forzas no noso país.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: