María Xosé Caride, conselleira de Política Territorial, anunciou este venres que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo non contará coa aprobación do seu departamento. Segundo a conselleira, o documento non garante un crecemento ordenado nin a dotación de servizos básicos, como A subministración de auga ou o saneamento. Caride asegurou que o Plan Xeral "será aprobado de xeito definitivo tan pronto como xe arranxen" as case 80 deficiencias detectadas pola Xunta. A titular de Política Territorial anunciou que o próximo martes se reunirá coa alcaldesa Corina Porro para debater os puntos non aprobados do documento, e lembrou que aínda se está a tempo de aprobar o PXOM este ano.
María Xosé Caride sinalou que as deficiencias detectadas por Urbanismo logo do análise do PXOM xa aparecían no informe previo á aprobación inicial, realizado pola anterior Consellería de Política Territorial do goberno do PP. Segundo a conselleira, atopáronse "carencias" nos informes de Costas, Estradas, Ferrocarrís e Augas de Galiza.
A Xunta tamén cre que a extensión prevista polo PXOM para a cidade é desmesurada e insostíbel por non ser compatíbel cos principios de contención, sustentabilidade e uso racional do chan. A consellaría sinala ademais que o plan non inclúe solucións que garantan a calidade de vida da cidadanía e que afectan os servizos máis básicos.
Deste xeito, a aprobación definitiva do PXOM de Vigo terá que agardar como mínimo até as próximas eleccións municipais do próximo 27 de maio xa que a Xunta terá outros tres meses para analizar un texto unha vez o reciban de volta coas deficiencias revisadas.