"Será complicado recompoñer o proceso", opina Ramón Villares. "A busca do consenso é escusa para deixar as cousas como estaban", comenta Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro. Diferentes persoas opinan para Vieiros sobre a situación en que queda o camiño cara ao novo Estatuto.
Ramón Maiz, catedrático de Ciencias Políticas e presidente da Fundación Iniciativas 21:
"Hai un acordo entre PSdeG e BNG porque estas forzas cederon en favor do consenso. O PP amosou unha involución autonomista. A cualificación de rexión para Galiza que predomina no seu texto amosa un retroceso sobre o que xa aprobaran coa lei de símbolos".
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega:
"O proceso queda estancado. Cando se toma unha decisión deste estilo volver recompoñer todo é complicado. A imaxe externa e mesmo interna que Galiza proxecta de si mesma é bastante negativa, respecto dos nosos líderes e de Galiza como conxunto".
Anxo Guerreiro, ex dirixente de Esquerda Unida e posteriormente de Esquerda de Galicia:
"É un fracaso, pero non todo o mundo ten a mesma responsabilidade nel. É moi difícil, por non dicir imposible que, mentres non cambie o clima político, sexamos capaces de modificar o Estatuto".
María Reimóndez, tradutora, intérprete e escritora:
"É un proceso complexo, pero hai que seguir avanzando".
Uxía Senlle, cantante:
"A falta de acordo sobre o que é nación está a adiar un tema fundamental para o noso futuro".
Manuel Casal Lodeiro "Casdeiro", enxeñeiro informático, fundador da asociación Fillos de Galicia:
"A busca do consenso é unha escusa para deixar as cousas como están".
Quico Cadaval, actor, director e adaptador teatral:
"É unha escenificación. O Estatuto non deixa moita marxe para a soberanía".