O presidente da Xunta lamentou que, malia o esforzo dos tres interlocutores, non se chegara ao acordo preciso para reformar o Estatuto, aínda que siga existindo a vontade de facelo un día. Os tres principais elementos de desencontro, aínda que houbese achegas polas tres partes, foron a definición de Galiza no preámbulo, o status do galego e o financiamento. O primeiro aspecto, o máis conflitivo, contaba cunha proposta de mínimos do presidente na que se pretendía garantir o mantemento da posición de Galiza no contexto autonómico, sen aludir expresamente á definición como nación.
No documento facíase referencia á Lei de Símbolos de 1984, que fora consensuada por todos os grupos políticos e aludía ao texto do himno, no que se fala do "fogar e nación común dos galegos". A proposta foi aceptada polo BNG, "nun exercicio de xenerosidade política que se lle agradece", pero non puido saír adiante polo "momento de forte diferenciación e confrontación política" que vive o país. Para Touriño, a proposta do PP faría perder posición ao noso país mesmo fronte a Andalucía, e relegaría o sentimento nacional á corrente nacionalista. Pero, segundo o presidente da Xunta, o clima político actual impediu que houbese o acordo de hai 22 anos, con Fernández Albor e Mariano Rajoy no goberno.
No eido da lingua houbo máis achegamento. Touriño recoñeceu que o BNG renunciara a facer mención explícita do deber de coñecer a lingua galega, con tal de que se garantise a súa igualdade xurídica de feito co castelán. "Pequenos matices de carácter técnico e xurídico" tampouco fixeron posíbel o acordo. Tamén houbo encontros no referente ao financiamento, que debería reflectir no articulado elementos como a dispersión, o avellentamento, a emigración, o clima, a extensión do litoral, que deberían determinar os custos e conseguir a garantía do 8% de investimento do Estado.
Touriño lamentou que, a pesar de teren estado reunidos todo o día, as condicións actuais non permitan acadar a reforma estatutaria, que queda pendente. Si quixo deixar claro que segue habendo a determinación e o compromiso de reformalo, pero cando o clima político sexa máis favorábel.