Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROGNOSTICA OUTRA OPORTUNIDADE Á VOLTA DAS MUNICIPAIS

Feijoo insinúa que había posibilidades dun "acordo a dous"

"Tentamos compaxinar galeguismo e nacionalismo dentro da Constitución", defendeu o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, á saída da xuntanza cos líderes de PSdeG e BNG. Feijoo destacou a primeira proposta concreta para o preámbulo do texto presentada polos populares, que inclúe o recoñecemento do "sentimento nacional de Galiza" e afirmou que o PP evitou incluír a engádega realizada en Andalucía polo partido subliñando "a indisolúbel unidade da nación española". Na súa opinión esa chiscadela é o máximo ao que pode chegar o PPdeG.

- 18:03 17/01/2007
Tags:

Segundo explicou o líder dos populares galegos, das 65 diferencias concretas detectadas antes do Nadal entre os tres grupos políticos, as últimas xuntanzas da ponencia parlamentaria deixaron a lista en 36 asuntos sobre os que existían aínda diverxencias "relevantes ou moi relevantes". Ao respecto comentou que na súa opinión había oportunidades para un acordo "entre dous", en referencia á posibilidade dun pacto entre PP e PSOE, "pero cremos que o mellor é un acordo dos tres". Engadiu que polo conseguido até este momento "paga a pena intentalo noutro momento", e indicou que probablemente despois das eleccións municipais habería outra oportunidade.

Ao fío da xuntanza Alberte Núñez Feijoo destacou que o PPdeG presentou desta volta propostas concretas "para todo o que estaba por riba da mesa". A continuación debullou os temas máis importantes, comezando polo debate arredor da lingua. Explicou o líder do PP galego que o seu partido propuxo dúas posibilidades: ou ben deixar a cousa "como está" ou estabelecer a "igualdade plena do galego e do castelán no ámbito da Constitución", recoñecendo que non fora posíbel o acordo.

No que lle toca aos investimentos, Feijoo detallou que o PP estaba disposto a aceptar a porcentaxe do 8% proposta polos socialistas no caso de que se restrinxise a cinco anos e durante cinco anos previos se estabelecese unha cantidade fixa: 2.500 millóns até 2013. Por outro lado comentou que a intención dos populares era marcar un financiamento específico por parte do Estado mentres Galiza non acade o nivel de converxencia coa renda media. Doutra banda, sinalou tamén como enfrontamento destacado entre os partidos o referido á lei electoral. Os populares, moi críticos coas posíbeis modificacións desta norma, queren que se fixe a necesidade dunha maioría reforzada de dous tercios do Parlamento para poder afrontar a reforma desa lei.

O primeiro preámbulo proposto polo PpdeG
Insistiu Feijoo en que o seu grupo nega toda intención de falar dun "Estado plurinacional", pero asegurou que chegaba a esta reunión co máximo que o PP pode aceptar para o preámbulo estatutario. "Reflicte o papel histórico do nacionalismo e o sentimento nacional que nos une", concedeu Núñez Feijoo sobre o texto achegado polo seu partido. Na súa opinión "é a proposta máis ambiciosa das realizadas até agora, agás en Cataluña, onde o texto está nos tribunais pola súa inconstitucionalidade".


0/5 (0 votos)