Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS CAMBIOS DE ESTATUTO NO RESTO DO ESTADO

De Aragón a Ceuta: a maioría aceleran na reforma estatutaria

Valencia, Cataluña, Baleares... Con varios estatutos aprobados e algúns máis ás portas da aprobación.

- 13:41 17/01/2007
Tags:

Euscadi
O Plan Ibarretxe conseguiu a aprobación no seu momento do Parlamento vasco, pero o Estatuto foi bloqueado por PP e PSOE no Congreso. A evolución do proceso de paz será clave no futuro para que un novo documento chegue con posibilidades de éxito á Cámara baixa.

Valencia
Foi a primeira reforma dun Estatuto aprobada no contorno do Estado. Recolleu a mediaticamente bautizada como cláusula Camps, subliñando no documento que a Comunidade Valenciana non renuncia a modificar con posterioridade o texto para incorporar conquistas no autogoberno conseguidas por outros estatutos. A cláusula foi recuperada posteriormente no debate doutros procesos de reforma estatutaria a nivel estatal.

Cataluña
O Estatut catalán foi protagonista da actualidade durante meses, e causou no seu momento a ruptura do tripartito catalán debido ao acordo PSOE-CiU que recortou o documento saído do Parlament. Despois da súa aprobación en referendo, onde Esquerra fixo campaña en contra do texto, tócalle sacalo adiante ao novo executivo do que o partido de Carod forma parte. Por outro lado, o PP teima no carácter inconstitucional do texto. Para PSdeG e BNG, é o teito mínimo necesario ao que o Estatuto galego debe aspirar.

Illas Baleares
O Congreso deulle a finais de 2006 a beizón ao proxecto, que contou co consenso de PP e PSOE.

Andalucía
Os andaluces opinan en referendo sobre o proxecto de Estatuto saído do Parlamento o próximo 18 de febreiro. O modelo andaluz é de feito o que máis lle gusta ao líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, como opción para Galiza. Socialistas e nacionalistas galegos coinciden en que é un teito moi baixo para as aspiracións galegas.

Canarias
Adiado o pasado mes de decembro, o Congreso fixou para o próximo 6 de febreiro a primeira análise da proposta estatutaria chegada das Illas Canarias. Aprobado xa na altura de setembro pasado polo Parlamento canario, PSOE e Coalición Canaria agardan que o PP se sume en Madrid ao consenso que rexeitou inicialmente.

Aragón
O documento xa está no Congreso e conseguiu o favor de PSOE e PP. Non foi aprobado aínda porque socialistas e populares tratan de que a Chunta Aragonesista se sume ao consenso antes das próximas eleccións autonómicas.

Castela León
Tamén no Congreso e con consenso entre PSOE e PP.

Castela A Mancha
PSOE e PP avanzan cara ao consenso na reforma e presentan a semana que vén un borrador do texto. O pleno do parlamento podería aprobalo antes de final de mes e o documento chegar ao Congreso no propio mes de febreiro. As posicións no tema da auga e a rifa con comunidades veciñas a conto dos trasvases é un dos puntos que dificultan o acordo.

Asturias
En proceso de elaboración dunha proposta inicial para remitirlle ao Consello Consultivo, o executivo asturiano cavila completar a reforma neste mesmo ano 2007. Aínda sen coñecer a posición inicial que vai propoñer o goberno de coalición, desde o PP asturiano xa se amosaron pouco dispostos a que ese proceso de reforma sexa prioritario na axenda política.

Cantabria
Os partidos cántabros agardan á volta das eleccións autonómicas deste 2007 para meterlle man ao Estatuto.

Ceuta e Melilla
En diferentes ocasións, os presidentes das Cidades Autónomas afirmaron a súa vontade de afrontar as reformas estatutarias necesarias para en 2007 accederen á categoría de "Comunidade Autónoma".


0/5 (0 votos)