Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REUNIÓN DE TOURIÑO, QUINTANA E FEIJOO EN MONTE PÍO

Ás portas da xuntanza o PPdeG destaca novos atrancos para o consenso estatutario

A existencia de "asuntos máis importantes onde existen diferencias" entre os grupos políticos foi subliñada este martes por Xosé Manuel Barreiro voceiro parlamentario do PPdeG, referíndose por exemplo á modificación da lei electoral. É exemplo do traballo das formacións políticas por trasladárenlle aos rivais a responsabilidade no posíbel fracaso da xuntanza que este mércores teñen os tres líderes co obxectivo de desbloquear o proceso de reforma estatutaria.

- 10:28 17/01/2007
Tags:

Se non hai modificacións significativas nas posicións, é previsíbel que os tres grupos políticos adíen o proceso até máis aló das próximas eleccións municipais. A solución debátena na mañá deste mércores Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberte Núñez Feijoo.

"Imos ser os últimos en levantarnos da mesa", asegurou o voceiro parlamentario dos populares. Así e todo, Xosé Manuel Barreiro recoñeceu que "a posición do PP non mudou" e insistiu en que as propostas en materia de recoñecemento identitario que chegan desde o BNG saen "fora do marco constitucional". Ao fío, criticou que se tenten "focalizar esas diferencias en lingua e identidade" comentando que no debate da ponencia parlamentaria hai enfrontamentos en asuntos "máis preocupantes para a sociedade galega".

Mentres, desde a presidencia da Xunta aseguran ás portas da reunión que alén doutras cuestións, a proposta de Touriño este mércores se vai centrar nos puntos que máis comlpican o consenso: "identidade, lingua galega e financiamento". Desde xeito, desde o PSdeG subliñan que a posición do presidente da Xunta é o punto de encontro posíbel e que dependerá o éxito da reunión da "boa vontade" que amosen nacionalistas e populares.

Ao respecto, desde o BNG, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, insistía este martes en que o acordo hai que facelo arredor de criterios que non deixen o estatuto galego "nin un milímetro por baixo do catalán". Máis optimista que en días anteriores, Quintana salientou a flexibilidade demostrada polo Bloque e asegurou que en último caso confía en que o consenso nunca quedará fóra dos mínimos acordados por BNG e PSdeG.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: