Os líderes das tres forzas políticas que debaterán o próximo mércores a redacción do novo Estatuto galego anunciaron esta fin de semana as súas respectivas posturas previas á xuntanza. O primeiro foi o nacionalista e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que anunciou que será flexíbel na negociación e que de non aprobar o seu texto apoiará o presentado por Touriño. Aínda así, advertiu de que esixirá un Estatuto á mesma altura ca catalán. Pola súa parte, Emilio Pérez Touriño adiantou que apostará polo "recoñecemento nacional" e que a fórmula que utilizará no Preámbulo permitirá "atraer a modo de imán" o PPdeG. Precisamente, o líder dos populares, Alberte Núñez Feijoo mostrouse contrario á idea de realizar "unha fotocopia do Estatuto catalán" e asegurou que Galiza "non pode ser considerada unha nación, mentres non se modifique a Constitución".