Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, amosou este sábado a súa intención de "desbloquear" o proceso de redacción do novo Estatuto na xuntanza do próximo día 17 con Anxo Quintana e Alberté Núñez Feijoo. O secretario xeral do PSdeG anunciou que se debaterá sobre a identidade, o estatus da lingua galega e o financiamento. No transcurso da xornada "Un Estatuto de primeira, un Estatuto de encontro", Touriño avanzou que o documento "respectará" o acordo de bases que asinou con Quintana en xuño. Adiantou ademais que a fórmula que utilizará no Preámbulo permitirá "atraer a modo de imán" o PPdeG, que até agora rexeita incluír o termo "nación" para referirse a Galiza.