O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou este sábado o seu compromiso de que o Estatuto galego estea ao mesmo nivel que o de Cataluña. Segundo o líder nacionalista, "Cataluña acaba de definirse como nación, nós temos que facelo, coa redacción que queiran, se non vale a nosa que busquen outra e eu aceptarei a que o presidente propoña, convencido de que non estará nin un milímetro por debaixo da do Estatuto catalán". A proposta de Quintana pasa por un texto que recoñeza a nacionalidade, un ámbito competencial blindado e que asegure unha suficiencia financeira así como unha relación bilateral co Estado. O vicepresidente ve nesta aposta pola flexibilidade un motivo para crer que se pode chegar até un consenso nun tema no que "xa se anunciaba o fracaso".