Mentres diversos sectores económicos e políticos teiman en presentar a construción dunha nova piscifactoría en Portugal por parte de Pescanova como "fuxida" por presunto maltrato en Galiza, a realidade dos feitos amosa que a empresa xa conseguiu gorentosas vantaxes coa súa presión ao executivo. Co financiamento público garantido para a metade do que custará o proxecto, conseguiu ademais ampliar significativamente a produción prevista para a iniciativa freada na Costa da Morte e mesmo recibiu autorización para a ampliación doutro proxecto xa existente.
Ao tempo que desde o executivo galego confirman o compromiso co financiamento dos proxectos acuícolas, apoio económico que se estabelece no 50% do custo total das piscifactorías, o propio presidente da Xunta confirmaba este mércores que van adiante sen problema as alternativas consensuadas polo goberno con Pescanova logo da paralización da iniciativa de Touriñán.
Xa que logo, Pescanova aceptou a proposta deseñada por técnicos da Xunta á beira de representantes da empresa, levando a produción prevista en Muxía aos concellos lugueses de Ribadeo e Xove. A redefinición do plan vaille permitir ademais nestas novas localizacións duplicar o investimento e a produción prevista inicialmente, ademais de contar con autorización para a ampliación dunha granxa acuícola xa en funcionamento.
Ao mesmo tempo, outros proxectos paralizados por afectarlle a espazos da Rede Natura, atoparon tamén a súa ubicación alternativa. No caso da empresa Stolt Sea Farm, a área escollida estará en Porto do Son, e no caso do grupo Isidro de la Cal, a ubicación definitiva non se fixo pública aínda, malia que existe consenso sobre a alternativa entre empresa e administración. Este xoves, o goberno preséntalle ao sector a proposta de mapa de zonas posíbeis para as instalacións acuícolas.
Uso político da polémica
"A Xunta non ten un modelo empresarial e xera desconfianza", afirmou este xoves o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, quen cualificou de "gravísimo", o acontecido co proxecto de Touriñán. Os populares insisten na interpretación de que Pescanova negociou o proxecto portugués polas cancelas atopadas en Galiza. "Non é que unha empresa marche, é que a botaron", comentou Feijoo, laiándose de que "a unha empresa díxoselle que marche".
A teima dos populares é cualificada de "demagoxia" desde o PSdeG. O voceiro parlamentario socialista, Ismael Rego, lembrou que o executivo consensuou as alternativas aos proxectos que o PPdeG quería permitir en zona natural protexida. Ao fío do anuncio de Pescanova en Portugal comentou que "non entender que as empresas galegas se internacionalicen nos seus proxectos industriais demostra o curto das miras do presidente do PPdeG". "Só desde a demagoxia e a manipulación habituais en Núñez Feijoo se poden facer afirmacións coma as que fai en relación coa acuicultura en Galicia", queixouse.