Coa chegada á Eurocamara de deputados da dereita radical romanesa e búlgara, o arelado soño de Jean-Marie Le Pen e doutros ultradereitistas do continente está a piques de se cumprir. A aspiración do fascismo europeo de refundar o grupo político desaparecido a mediados dos anos noventa faise agora posíbel. Na xornada deste martes terá lugar en Bruxelas unha reunión que pode sentar as súas bases. De chegarse a un acordo, o acto de constitución oficial do novo grupo consumaríase na sesión parlamentaria do vindeiro luns en Estrasburgo.
Para a formación dun novo grupo parlamentario, o regulamento da Eurocámara esixe un mínimo de vinte eurodiputados procedentes de cinco países. A chegada das novas incorporacións búlgaras e romanesas facilita o cumprimento destas esixencias e permite que un novo partido político de corte fascista vexa a luz en Europa. Cómpre lembrar que, até o de agora, os veteranos membros ultradereitistas no Parlamento (tal como Le Pen ou Alessandra Mussolini, neta do líder fascista) pertencían ao coñecido como "grupo dos non inscritos". A nova situación posibilitaríalles gozar de novos dereitos políticos como a apresentación de enmendas e o dereito de palabra, ademais do acceso ao finanzamento oficial.
No programa político deste novo partido salientan a oposición á entrada de Turquía na Unión Europea e o rexeitamento ao Tratado Constitucional. Ademais, defenderán a abolición das leis que castigan as manifestaciones racistas ou a negación do Holocausto.