"No caso de non atopar o nexo de unión, se cadra debemos aparcar e buscar un momento máis adiante na lexislatura". Eran as palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, este domingo nos micrófonos da Cadena Ser. Touriño admitía deste xeito que na situación actual é probábel que se adíe a reforma estatutaria, aínda amosándose favorábel a que o proceso se complete antes da fin do seu mandato. Con todo recoñeceu que o feito de non conseguirse agora o acordo implicará "unha perda de tempo" e que Galiza "quede por tras da marcha, da dinámica do resto de comunidades". "O tempo pasa e outras comunidades teñen Estatuto, un elemento favorábel á hora de obteren recursos e financiamento cara a mellores competencias", insistiu.