Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO O ACORDO COA FEGAMP, A XUNTA INVESTIRÁ 9 MILLÓNS DE EUROS

Medio Rural financiará a limpeza de montes en áreas ameazadas polos incendios

A Consellería do Medio Rural asinou un acordo marco coa FEGAMP para colaborar na limpeza dos montes co fin de previr os incendios forestais. Por medio deste acordo, a consellaría achegará 9 millóns de euros a preto de 200 concellos, nos que se atopan 10.000 hectáreas de zonas de especial risco de lume. O conselleiro Alfredo Suárez Canal anunciou que os entes locais han recibir axiña unha comunicación para asinaren cadanseu convenio coa Xunta. A limpeza do exceso de biomasa forestal farase arredor de núcleos de poboación que se atopan en perigo de seren afectados polos incendios.

- 18:20 04/01/2007
Tags:

Cada un dos concellos beneficiados polo acordo conta cunha media de 45 hectáreas arredor dun mínimo de 10 núcleos de poboación. O custo dos labores de prevención será de 775 euros por hectárea, que financiará a Consellería do Medio Rural. Co obxectivo de implicar a sociedade na prevención dos lumes, serán os concellos os responsábeis de elaborar plans concretos nos que especifiquen as zonas e as modalidades de execución dos labores de limpeza, que han de estar rematados antes do 30 de maio.

Resposta ao PP A consellaría respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a elaboración da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. A oposición acusaba a Medio Rural de falta de diálogo cos sectores afectados e avogaba por seguir o Plan Galicia Verde redactado polo propio PP. Segundo a consellaría dirixida por Suárez Canal, a lei foi consensuada e conta cun amplo apoio entre os propietarios forestais. Medio Rural di, ademais, que os populares seguen instalados na estratexia da crispación e dilación, a mesma que amosaron durante a vaga de incendios do verán pasado.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: