O Proxecto de Lei da Memoria presentado polo goberno español no Congreso dos Deputados de Madrid non conseguiu o plácet de case ninguén. Por unha banda, o Partido Popular considera que é algo innecesario xa que abre antigas feridas. Pola outra, as asociacións que máis puxaron en prol dun recoñecemento oficial para todos aqueles que padeceron persecución e morte ao longo da Guerra Civil e a ditadura franquista, cualifican o proxecto de deficiente. Nas últimas datas, estas asociacións están a levar a cabo unha campaña para esixir unha lei máis "participativa", que recolla o parecer destas. Na páxina web do Foro pola Memoria pódese acceder a un manifesto completo que asinan un cento de organizacións vencelladas á recuperación da Memoria Histórica.
Entre as esixencias que se reclaman no Manifesto contra o "Proxecto de Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura" presentado polo Goberno, está a "declaración de modo expreso a ilegalidade da ditadura de Franco orixinada por un golpe de Estado contra un goberno lexítimo, democraticamente constituído", polo que "deben deixarse sen validez legal as decisións represivas derivadas do entramado xurídico do franquismo."