Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA APOSTA POR UN CENTRO DE ARTE INTERNACIONAL PARA DINAMIZAR A OBRA

O redeseño da Cidade da Cultura busca colocala entre as dez mellores infraestruturas mundiais

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, adiantou que a Cidade da Cultura terá tres eixos temáticos. A primeira unidade de edificios vai estar conformada pola Biblioteca e polo Arquivo Nacional de Galiza; o segundo estará composto polo Centro de Ciencias de Conservación do Patrimonio e polo Museo da Historia de Galiza; e a última unidade destinarase ao Centro de Arte Internacional, no que haberá un obradoiro e un espazo ludico-educativo para os máis pequenos. Touriño, que acompañou a Bugallo na súa visita a Gaiás, asegurou que a Cidade da Cultura estará entre as dez principais infraestruturas culturais do mundo.

- 13:51 26/12/2006
Tags:

Logo de meses de espera, a conselleira Ánxela Bugallo adiantou a reformulación que fará o bipartito da Cidade da Cultura. Segundo precisou, serán tres unidades "diferentes e conformadas" que ocuparán, cada unha delas, dous edificios.

O primeiro bloque estará conformado pola Biblioteca e polo Arquivo Nacional de Galiza. Bugallo afirmou que "van ser dous edificios cabeceira do servizo nacional bibliográfico. O lugar onde exista o catálogo único de todas as bibliotecas de Galiza, onde se poida transferir todo o coñecemento relativo a ese enorme legado bibliográfico e documental que conforma a nosa propia cultura".

A segunda área estará composta polo Centro de Ciencias de Conservación do Patrimonio e polo Museo de Historia de Galiza. O primeiro edificio será, segundo a conselleira, un referente europeo pola aplicación de novas tecnoloxías. O Museo da Historia concíbese como "unha tarxeta de presentación da Galiza actual".

Por último, a terceira unidade estará conformada polo Centro de Arte Internacional, que poñerá á Cidade da Cultura no "circuíto de arte internacional actual". Haberá convenios cos principais museos do mundo para traer exposicións. Neste mesmo bloque temático atoparase o Centro Obradoiro que se concibe como un "centro de recursos propios para as artes escénicas, visuais e musicais de Galiza". O mesmo complexo terá un museo dedicado aos nenos, un centro lúdico-educativo no cal se traballará "na educación en valores e na creación artística dirixida especialmente a nenos de entre 3 e 12 anos", dixo Bugallo.

Referencia internacional
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cre que a Cidade da Cultura vai estar entre as dez grandes infraestruturas culturais do mundo. Segundo sinalou, o Centro de Arte Internacional vai estar ao nivel do Guggenheim de Bilbao ou da Tate Gallery de Londres. Touriño di que estes contidos van posibilitar que máis de 800.000 persoas visiten cada ano a Cidade da Cultura. Esta mesma semana, o goberno explicará os plans no Parlamento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: