Unha cuarta parte dos estranxeiros residentes en Galiza procede dalgún país da Unión Europea. A media de recepción deste tipo de inmigración é cinco puntos superior á do Estado, que se sitúa arredor do 20,77%. Segundo datos do INE, en Galiza residen un total de 69.363 estranxeiros dos cales 18.411 proceden dalgún dos países membros. Lidera esta clasificación a comunidade portuguesa con máis de 11.000 residentes, o que supón unha sexta parte dos inmigrantes lusos do Estado.
Os italianos forman a segunda comunidade da UE máis numerosa en Galiza cun total de 2.206 persoas. Ségueo de preto Francia (1226) e o Reino Unido (1135). Fóra da Unión Europea é Colombia o país que máis inmigra até á nosa terra (8310). É moi destacábel tamén a importante presenza de arxentinos (7618), brasileiros (4662), venezolanos (4220) e uruguaios (4.064).
Por provincias, os inmigrantes da UE concentrase sobre todo na provincia de Pontevedra (38,1%). Ourense acolle o 28,6, A Coruña o 24,3 e Lugo o 8,9. Cando tomamos como referencia o total dos estranxeiros, A Coruña ascende até o segundo posto cun 34,3% e alcanza case a Pontevedra (39,2).