O Ministerio de Fomento e a Consellería de Cultura asinaron definitivamente o convenio para a creación do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. As instalacións, cunha superficie de 220.000 metros cadrados rodeados por unha área de protección de máis dun millón de metros cadrados, van supoñer un investimento de máis de 5,5 millóns de euros, achegados a partes iguais polas dúas administracións. A súa finalidade é constituír un centro de divulgación e coñecemento da arte rupestre, representada nas máis de oitenta rochas con gravados rupestres que abrangue. Será unha das catro instalacións deste tipo que formarán parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico.
O convenio asinado pola conselleira Ánxela Bugallo, que se desprazou até Madrid, e a ministra Magdalena Álvarez prevé o acondicionamento do terreo e o seu tratamento posterior para facilitar a visita e o recoñecemento das inscricións das rochas, para o que se creará unha ruta convenientemente sinalizada. Ademais, construirase un centro de interpretación de dous andares, con salas de exposicións, biblioteca, laboratorio e aulas, ademais dunha cafetaría e unha tenda. As administracións pretenden que o parque se converta nun foco de desenvolvemento para a comarca. A entrada en funcionamento das instalacións calcúlase para o ano 2009.