Documento resposta aos bispos, asinado or máis de 150 grupos, comunidade, asociacións e movementos cristiáns.
1.- Admitindo que estamos a vivir unha situación complexa na Igrexa e na sociedade e animados pola Boa Nova do Evanxeo para participar activamente na vida social e pública, rexeitamos de forma contundente o ton marcadamente pesimista da Instrucción dos bispos que chega a situarnos como cristiáns "nun mundo culturalmente estrano e hostil", estendéndose nunha longa lista de elementos negativos fronte aos escasos aspectos positivos que salientan.
2.- Recoñecemos os valores da reconciliación e a distensión na convivencia, tamén o importante papel que unha parte da Igrexa xogou na instauración dun réxime democrático pero lamentamos que se califique á dictadura como o "réxime político anterior" á democracia, e que a xerarquía católica non faga unha mínima autocrítica da colaboración de boa parte da mesma co réxime franquista.
3.- A afirmación da Instrucción dos bispos de que "non se trata de impoñer os propios criterios morais a toda a sociedade", contradícese cunha fundamentación da moralidade nunha Lei Natural (da que non se especifican os seus contidos) que se convirte na práctica nun intento de imposición á toda sociedade duns criterios éticos que non compartimos moitos e moitas católicos e católicas do conxunto do Estado. O episcopado español non ten superado polo visto nin a tentación do nacional-catolicismo na concepción do Estado nin a do dogmatismo cara ao interior da Igrexa.
4.- Fronte a unha obsesiva concepción da realidade actual como un enfrontamento entre o laicismo e o catolicismo, chegando a afirmar como "problema radical da nosa cultura a negación de Deus", a actitude que nos propoñemos é a do diálogo e a procura común, dende os valores humanos da solidariedade, o coidado mutuo, o recoñecemento da dignidade de tódalas persoas e o exercicio responsable da liberdade.
5.- A xerarquía fala de unidade e comuñón espiritual e visible dos e das católicos e católicas na sua Instrucción, pero segue a negar o pluralismo existente de feito na nosa Igrexa: As persoas católicas non temos un mesmo pensamento respecto ás formas de familia e de matrimonio, a igualdade da muller na sociedade e na Igrexa , o divorcio, a sexualidade, as posibilidades da investigación bioxenética, a educación para a cidadanía ou a presenza de relixións na escola. Son estas materias de diálogo entre nós, onde hai moito que escoitarnos uns aos outros.
6.- Recoñecendo a deslexitimación do terrorismo e o máximo respecto ás vítimas, botamos de menos verbas que alenten un bo proceso que nos conduza á paz, a normalización e a reconciliación.
7.- Consideramos que a Igrexa non debe velar pola unidade de España e tampouco aliñarse cos que defenden cambios no modelo territorial ou na forma xeral do Estado, son cuestións estrictamente políticas e os católicos e católicas podemos defender calquera posicionamento razoable ao respecto como cidadáns e cidadás libres.
8.- Finalmente a Instrucción Pastoral non aposta de forma decidida polo cumprimento dos dereitos humanos na nosa sociedade e esa a bandeira que queremos enarbolar moitos católicos e católicas e lamentablemente non falan dos dereitos humanos que como estructura de poder non democrática a mesma xerarquía católica incumpre de forma sistemática dentro da propia comunidade eclesial.