Non se pode deixar de lado a cuestión de xénero á hora de abordar a situación laboral das traballadoras do téxtil: a permanencia de ideas sobre a división do traballo en modelo produtivo e reprodutivo, a estrutura familiar do rural galego, a infravaloración do traballo feminino e outros factores, sumados a estratexias de illamento e presión, son o alicerce da explotación nun sector feminizado.
O convenio do sector téxtil, como apunta Martínez, é un dos máis precarios dos diferentes sectores industriais, tanto no Estado como en Europa. A implicación de xénero está patente nun traballo fortemente feminizado nunha regulación laboral herdeira do franquismo: dende os 80 deixou de empregarse exclusivamente o feminino para referirse ás categorías laborais, pero as implicacións son as mesmas: "por unha banda, o traballo das mulleres non se considera traballo, non o necesitan para vivir; é simplemente "unha axuda" á economía doméstica. Pola outra, non se considera cualificado, non se observa que é necesaria unha aprendizaxe. Parece que coser é unha "habilidade natural" da muller. Antes, as mulleres aprendían de nenas a coser na casa, pero era unha formación non regrada. Agora non atopan entre rapazas novas esa mesma cualificación, porque non pasaron por ese proceso de aprendizaxe." Ao non terse en consideración, unha costureira ou rematadora non ten posibilidades de promoción e ascenso, non é persoal cualificado. Esta visión únese á concepción patriarcal pola cal o home trae o sustento á casa e o traballo feminino é complementario.
E a feminización do sector repercute nas condicións: "ti miras un sector non cualificado tradicionalmente masculino, como o metal, e outro feminino, e a diferenza de salarios entre un home e unha muller coa mesma cualificación pode ser do triplo", explica Martínez. Ademais é bastante frecuente que os postos cualificados estean ocupados por homes e o perfil de traballador sexa muller de 20 a 65 anos, aínda que predomina a idade madura. "Hai homes na administración, xerentes, control de calidade, pero na fábrica somos mulleres", explica unha costureira dende Vigo.
Tamén hai que ter en conta a cuestión identitaria: na familia rural galega a autorrealización da muller "non se marca tanto polo traballo como pola súa vida familiar: a súa identidade constrúese como nai, na súa comunidade, no seu ámbito máis próximo", segundo María. Isto pode levar á conformidade coa situación. As presións son outra das causas fundamentais: di a entrevistada da Estrada "unha rapaza de Ribeira, que traballaba aquí, quedou na rúa por queixarse de que lle pagaban unha miseria. E non só iso, senón que non vai atopar traballo máis, porque isto é un pobo pequeno e aquí todo se sabe. Ninguén quere falar." Boa mostra é que das tres entrevistadas, ningunha quixese dar o seu nome. É lóxico que, co panorama de inestabilidade laboral que hai, as traballadoras non se atrevan a denunciar: "está o paradoxo de que cantos máis dereitos tes, máis reivindicas. Como vas protestar se non estás nada segura, se o teu traballo pende dun fío? Eses 600 € que a moita xente lle darían risa, na Galiza rural son fundamentais", explica Martínez. Outro problema á hora de sindicarse é a dispersión territorial e a falta de coñecemento da situación global. "Antes traballaban na casa, pero agora tampouco saben cantas son, onde están en que condicións están as súas compañeiras..., e hai que ter en conta a dobre xornada, a falta de tempo libre destas mulleres: as oito horas de traballo, as horas extra, o coidado dos nenos e e moitos casos das persoas maiores, as tarefas da casa... Ou tes moita conciencia sindical ou é raro que nestas condicións te poñas a investigar que acontece no sector no que traballas." Manifestacións como a de Selmark dan fe de que tampouco é un sector totalmente submiso. "Mais son casos de acción-reacción, tampouco teñen unha estratexia definida", conta Martínez.
As estratexias de contratación e as condicións parécense perigosamente ás empregadas nos países en vías de subdesenvolvemento: o illamento é a clave, tanto en canto á diseminación no territorio como a das propias mulleres dentro do taller: "estás a porta pechada, nun baixo, non ves a rúa nin te podes levantar da máquina. Só podes mirar ao fronte", contan dende a Estrada. A rematadora de Ordes afirma que no seu actual traballo pode falar, "noutros tiñas que estar muda!", pero que cando decidiu marchar, foi presionada para non comunicarse coas súas compañeiras: "Queríanme facer asinar un cese voluntario, e claro, eu vinme nun despacho con dous tipos... E asinei. Non me deixaron nin falar co meu home. Eu quería chamalo por teléfono e preguntarlle que facía. E cando saín do despacho, o xefe veu atrás de min onda a máquina e non me deixou falar con ninguén. Díxome: "que saibas que todo o que falades aí seino eu". Non lles gusta que saibamos que temos uns dereitos."
Estratexias de explotación
Un estudo da OIT demostra que a implantación do téxtil ofrece oportunidades ás mulleres dos países pobres: "particularmente, os países nos que as actividades económicas das mulleres limítanse ao coidado da casa e ao agro. Nos países asiáticos é o xeito que moitas mozas teñen de fuxiren de matrimonios non desexados". En Galiza, o caso non é tan extremo, pero moitas mulleres recorren ao traballo no sector téxtil como xeito de "fuxir" da casa. Como indica María Martínez, polo xeral trátase de mulleres maduras que comezaron a traballar na adolescencia. As nosas tres entrevistadas comezaron case na nenez: entre os 10 e 14 anos. Era a alternativa ao traballo no rural, e mesmo hai quen fai horas extra de bo grado: "unha rapaza do taller de Ordes prefire estar facendo horas no taller que desfollando millo ou sachando na leira", conta a rematadora. Segundo o estudo de Taboadela, Castro e Martínez, hai certos puntos en común entre o sector téxtil en Galiza e nas zonas periféricas dos países en vías de desenvolvemento: a escasa tradición industrial previa, a proletarización feminina (dar traballo en masa a mulleres afeitas ao traballo duro, mecánico e rápido, como era o agro), a implantación de condicións laborais absolutamente precarias (o traballo "axuda" á economía familiar, non é a base, e polo tanto os salarios "poden" ser precarios), e unha estrutura social vencellada ao mundo rural, que se afasta da división sexual do traballo: non se trata de familias nucleares nas que o varón desempeña o papel produtivo e a muller o reprodutivo, senón de familias estendidas e varias xeracións convivindo baixo un mesmo teito, nas que cada axuda que entre é fundamental. "As grandes firmas do téxtil galego creceron e desenvolvéronse nun contexto onde a clase obreira aceptou unhas condicións laborais e salariais impensábeis noutras rexións e noutros sectores produtivos".
Este problema ten solución? Para María Martínez, sería necesaria unha restrición da subcontratación en fervenza. "E por outra banda, restrinxir tamén o libre comercio, penalizar esas contratas nos países de lexislación laboral máis feble. É necesario coñecer a estrutura real das casas matriz: de Inditex sabemos que ten unha fábrica en Arteixo, pero iso non é nin o 0,01% da produción deles. Que hai detrás?"