Coa redacción das conclusións, o domingo remataron no Porriño as primeiras xornadas galego-lusófonas de software libre, nas que se reuniron expertos de Galiza, Brasil e Portugal para falar da situación deste movemento e, asemade, promocionalo. O xoves e o venres, Miguel Bouzada, de GALPon, puxo en marcha uns obradoiros de achegamento ao software libre, nos que se explicaron os fundamentos desta filosofía e se amosou como se instala a distribución galega GNIX.
Entre o venres e o sábado celebráronse seis mesas redondas. A primeira delas, sobre o concepto de software libre, contou coa presenza de Sulamita Garcia, Alessandro Faria Cabelo e Claudio F. Filho, que falaron sobre a experiencia do Brasil, onde se leva implantando na administración pública este tipo de programas dende hai anos. Durante os vindeiros días, a web de AGNIX irá incluíndo resumos, imaxes e vídeos das actividades e mesas redondas que se foron desenvolvendo ao longo das xornadas, e que se puideron seguir en directo a través de mancomun.org.