Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INDUSTRIA ESTUDA UNHA MARCA PROPIA PARA FACER FRONTE Á GRAVE CRISE DO SECTOR

A Xunta quere potenciar a agrupación dos talleres para salvar o téxtil

O futuro do sector téxtil en Galiza pasa pola agrupación dos pequenos talleres e a creación dunha marca propia para estes. Isto é o que se deduce do paquete de medidas específicas que está a preparar a Consellaría de Innovación e Industria. Logo de aprobarse o pasado mes de outubro o Plan estatal de apoio ao sector téxtil e da confección, é agora responsabilidade da Xunta promover as medidas financeiras e sociolaborais pertinentes no ámbito galego. Segundo puido saber Vieiros, a Dirección Xeral de Promoción Industrial pretende favorecer a agrupación dos pequenos talleres baixo unha mesma marca e incluso valora a creación dunha rede de distribución propia.

- 10:29 11/12/2006
Tags:

O pasado 19 de outubro aprobábase no Congreso dos Deputados o Plan de apoio ao sector téxtil e da confección. O documento recolle unha serie de medidas destinadas a facer máis competitivo o sector e a adaptalo ao novo escenario mercantil, así como a paliar as consecuencias negativas sobre os traballadores logo da liberalización do comercio téxtil.

Neste contexto, e como analizou este medio nos últimos días, sindicatos e patronal están a reclamar á Xunta a aplicación destas medidas no eido galego. Aínda que sen confirmación oficial, o paquete de medidas específicas no que está a traballar a Consellaría de Innovación e Industria potenciará a agrupación de pequenos talleres e a creación dunha marca propia.

Deste xeito, e dentro do programa de fomento da investigación técnica, procuraríase a cooperación entre pemes en materia de I+D co obxectivo de que estas poidan acometer conxuntamente iniciativas dirixidas a acadar novas capacidades e vantaxes competitivas. Seguindo as liñas básicas do plan estatal, neste aspecto as medidas relacionadas coa agrupación empresarial potenciarán a mellora da posición competitiva a través da creación de sinerxías e o aumento da masa crítica empresarial.

Dentro deste paquete de medidas, a Xunta potenciará a creación dunha marca propia a través da cal os pequenos talleres poidan paliar a forte temporalidade que caracteriza este sector. Así, nas épocas de menos produción, os talleres auxiliares poderían manter a súa carga de traballo realizando partidas propias cun sinal de identidade definido.

Outra das liñas de actuación que protagonizarán o paquete de medidas que Industria porá en marcha incidirá na necesidade de mellorar o sistema de distribución dos pequenos talleres. Deste xeito procurarase a creación dunha rede de distribución propia para este tipo de empresas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)